HomeA CoruñaMáis de 3.100 peregrinos e peregrinas fixeron noite no albergue de Neda...

Máis de 3.100 peregrinos e peregrinas fixeron noite no albergue de Neda ao longo do ano 2025

- Anuncio -spot_img

Por terceiro ano consecutivo, o albergue de peregrinos de Neda superou a barreira dos 3.000 hóspedes. O boom que está a vivir o Camiño Inglés, pulverizando, tempada tras tempada, as súas propias marcas, déixase sentir nos datos de ocupación desta instalación turística, pertencente á rede pública da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, aínda que xestionada polo Concello.

Durante os últimos doce meses a ruta de peregrinación a Compostela que pasa por seis localidades de Ferrolterra e do Eume superou por primeira vez os 30.000 visitantes, sendo máis de 29.000 os que elixen como punto de inicio o ferrolán de Curuxeiras.

Deles un total de 3.130 elixiu o albergue, situado ao pé da ría, en Xuvia para facer noite, pechando así a primeira etapa do itinerario. O feito de que sexa unha etapa curta, de apenas 13,5 km, leva a un bo número de romeiros e romeiras a facer parada máis adiante. Trátase, por tanto, de ao redor do 11% dos camiñantes.

Agosto (541), setembro (462), e maio (430) foron, nesta orde, os meses con maior ocupación do albergue nedense. Unha situación diferente á vivida en anos anteriores, cando o groso da actividade centrábase non meses punta do verán. As dependencias colgaron o cartel de completas nunha vintena de xornadas, sendo a última a da Festa do Pan.

Os rexistros correspondentes aos meses nos que se mantivo operativa a Oficina de Turismo local, situada ao pé desta infraestrutura turística, permiten constatar o interese dos aloxados polas igrexas e elementos monumentais do Camiño e por recursos turísticos do municipio, entre os que cómpre destacar a Fervenza do Belelle e posibles rutas de sendeirismo.

O albergue abre todos os días do ano, completándose as 26 prazas dispoñibles (24 en liteira e 2 camas para persoas con mobilidade reducida) por orde de chegada. Cómpre rexistrarse chamando ao 659684435.

Publicacións Relacionadas