O evento, que converterá a cidade no epicentro nacional deste deporte, terá lugar no Coliseum, con entrada gratuíta
O Coliseum da Coruña acollerá esta fin de semana a XIX Copa Cidade da Coruña de Taekwondo, que contará coa participación de máis de 700 deportistas de todo o territorio nacional, convertendo a cidade no epicentro desta disciplina. Asistirán delegacións de Andalucía, Asturias, Canarias, Castela e León, Cataluña, Valencia e mais 9 deportistas de Portugal. O Concello organiza esta proba en colaboración coa Federación Galega de Taekwondo e a Escola de Taekwondo Garrapucho. “Estamos a amosar a gran capacidade de adaptación do Coliseum a todo tipo de eventos, tanto deportivos como culturais”, sinalou Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes.
Esta competición é unha das máis emblemáticas deste deporte das que se programan en Galicia e permitirá ver en directo os mellores deportistas nacionais, que buscarán acadar bos resultados de cara ao resto de eventos nacionais e internacionais. Este campionato serve en Galicia para clasificarse para as diferentes competicións estatais de cada categoría. Tamén é válido para o ránking nacional na categoría Máster, que dá acceso ao Mundial e ao Europeo.
Participarán persoas de ata oito categorías: infantil, precadete, cadete, júnior, sénior e máster 1, 2 e 3. O sábado 10 a xornada de mañá comezará ás 09.00 e rematará ás 13.30 horas. Pola tarde, o horario de competición será de 15.30 a 20.00 horas. O domingo a xornada comezará ás 09.00 horas. A entrada ao recinto será gratuíta ata completar a capacidade en ambas as xornadas.
“O Goberno de Inés Rey continúa promovendo na cidade grandes celebracións deportivas, tendo especial atención a deportes como o taekwondo, que fomentan valores de compañerismo entre os deportistas”, sinala Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes. O edil quixo agradecer á organización, con José Luis Garrapucho Cermeño ao mando, o seu labor.
Haberá máis de 150 profesionais implicados na xestión deste eventos. Tamén quixo destacar o carácter solidario do campionato, que colabora coa Cociña Económica recadando alimentos non perecedeiros doados tanto por deportistas como polo público asistente.