A Asociación Galega de Linfedema, Lipedema, Insuficiencia Venosa Crónica e outras Patoloxías Vasculares Periféricas (AGL) vén desenvolvendo durante o ano 2024 o Programa de Atención Especializada para Persoas con Discapacidade, xestionado por COGAMI, que inclúe actividades de fisioterapia, atención individualizada e accións de sensibilización e información dirixidas tanto a profesionais como á poboación en xeral.
Este programa está financiado a través da convocatoria de concesión de subvencións destinadas a programas de carácter social xestionados pola Xunta de Galicia a cargo da asignación tributaria do 0,7% do IRPF procedente de todas as persoas que marcaron o recadro 106 de Actividades de interese xeral consideradas de interese social, coñecido como X Solidaria.
A actividade de fisioterapia, parte fundamental deste programa, ten como obxectivo mellorar as capacidades das persoas usuarias e facilitar a súa autonomía, promovendo a súa integración social e laboral. Na actualidade, 71 persoas benefícianse deste servizo especializado, que AGL desenvolve en 11 clínicas repartidas polos concellos de A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Santiago de Compostela, Ferrol, Culleredo e Carballo. Ao longo do que vai de ano, xa se atenderon máis de 80 consultas, complementadas con accións de sensibilización e información en diferentes puntos da nosa comunidade autónoma.
Desde a Asociación apuntan a fisioterapia como tratamento máis eficaz para evitar que as doenzas relacionadas co linfedema, lipedema e outras enfermidades vasculares se agraven. Indican que a día de hoxe, a sanidade pública galega non dispón dos recursos suficientes para ofrecer este servizo a todas as persoas afectadas, o que obriga a moitas delas a buscar solucións privadas, a un custo que non todos poden asumir. Por este motivo, a asociación AGL decidiu poñer en marcha en 2015 este programa e agarda que se manteña no tempo por ser, xunto coas medidas de compresión, os tratamentos máis eficaces.
O programa de fisioterapia conta cun orzamento próximo aos 50.000 euros. A Deputación de A Coruña, a través da convocatoria de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o mantemento de programas sociosanitarios, programa FOCVAA, concede a AGL a contía de 11.964,86€. A Deputación de Ourense, cun importe de 2.000 euros, aprobou financiar este programa a través da convocatoria de subvencións para entidades sen ánimo de lucro para a atención a persoas con enfermidades crónica e persoas con discapacidade. O resto do financiamento chega a través da convocatoria do 0,7% do IRPF, sendo 7.500 euros a contía.