Máis de cento cincuenta nenos e nenas participaron na última cita coas esculturas de area que tivo lugar na praia da Corna

Redacción

 A terceira edición desta actividade clausurouse en Palmeira coincidindo coas súas festas do verán

A creatividade volveu tomar o litoral ribeirense coa terceira edición da xuntanza de esculturas de area na súa última parada que tivo lugar na praia da Corna, en Palmeira, durante a tarde do sábado, 8 de agosto, coincidindo coas festas do verán desta parroquia. Máis de cento cincuenta nenos e nenas modelaron a area en forma, principalmente, de animais mariños. Así, o cabaliño de mar, Snoopy e a lura erixíronse como gañadores despois da deliberación do xurado integrado polo equipo de Ágape.

Nesta xornada estiveron presentes o concelleiro de Mar e Promoción do Litoral, Fernando Abraldes, e o edil de Medio Ambiente, Víctor Reiriz, para comprobar o desenvolvemento da actividade que, se ben dirixida á rapazada, xunto ás súas familias, mobilizou a unhas 400 persoas no dito areal, converténdose na máis numerosa desta convocatoria.

Trátase dunha cita promovida polo Concello de Ribeira e coordinada por Suso Paz, coa colaboración de diversas empresas locais, que busca crear un espazo de encontro interxeracional e alternativas de lecer a carón do mar como unha forma de poñer en valor os recursos naturais e paisaxísticos vinculados ás zonas marítimas.

Comparte este artigo