A historiadora e profesora Manuela Santalla presentará na biblioteca de Neda esta semana o seu libro Fariñas e muíños en Ferrolterra durante a Ilustración, un traballo co que busca seguir divulgando a historia de Ferrol e do resto da comarca.
A autora, de familia nedense, estará na biblioteca municipal o venres, 30 de maio, a partir das 20 horas, para presentar á veciñanza esta obra, publicada por Edicións A Laverca, e pertencente á colección “A herdanza recobrada”.
Santalla achégase no libro á historia dos muíños da comarca no século XVIII e XIX, con especial atención aos “muíños do rei”, é dicir, as Reais fábricas de fariñas do Ponto e de Xuvia, que chegarían a surtir a todo o país, e á historia dos seus promotores, os comerciantes franceses Lembeye e Lestache.
Entre os traballos publicados por Santalla figuran Vida cotidiana y trabajo en el Ferrol de la Ilustración, e outros vencellados directamente coa historia de Neda como Muíños, fornos e pan de Neda ou o dedicado á figura de O médico Cebreiro, don Paco da Mercé.