A subdelegada e máis o alcalde, José Manuel López, repasaron os datos de seguridade no concello, que melloraron con respecto ao ano pasado
Destacou que a taxa de delitos esclarecidos aumenta nun 7%, deixando uns datos moi beneficiosos no concello
María Rivas fixo fincapé na especial colaboración entre administracións para manter a seguridade no concello e para loitar contra a violencia machista en Laracha, un dos 28 concellos adheridos ao Sistema VioGen
A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, presidiu esta mañá xunto ao alcalde, José Manuel López, a reunión ordinaria da xunta local de seguridade da Laracha, na que se fixo unha análise dos datos referentes á seguridade no concello, á violencia de xénero así como a situación excepcional referente á Policía Local.
A subdelegada fixo especial mención ás estatísticas de seguridade que aportaron a Garda Civil e o concello: “A Laracha é un municipio seguro, proba do bo traballo que desenvolve a Garda Civil é que mellorou os datos este último ano”. A taxa de criminalidade diminuíu en dous puntos con respecto ao ano pasado, mantendo agora unha taxa de 23,96 por cada mil habitantes. Cabe destacar ademais que, A Laracha, encóntrase moi por debaixo da taxa de criminalidade provincial que se sitúa nun 37,5, ou da de Galicia (35,2). Na reunión tamén se destacou o aumento do 7,14% das infraccións penais esclarecidas.
Sistema VioGén
Na reunión fíxose unha valoración da situación da violencia de xénero no municipio e durante a súa intervención a subdelegada destacou que A Laracha é un dos concellos integrados no Sistema VioGén: “é moi importante a colaboración a través deste sistema porque é a unha ferramenta clave para garantir a protección das vítimas e das súas familias na súa vida diaria”.
Rivas recordou que a día de hoxe contabilízanse 2.412 casos activos na provincia, “temos que seguir traballando sen descanso para protexer a cada unha das mulleres que están dentro do sistema VioGén, e para iso precisamos da colaboración de todas as institucións”. Institucións como a Mesa de Coordinación Interinstitucional, do Plan Director e dos fondos do pacto de Estado.
A subdelegada lembrou que o concello conta con instrumentos para loitar contra este tipo de violencia: “con medidas como o Pacto de Estado, do que é beneficiario o concello da Laracha, que recibiu, o ano pasado, máis de 13.200 euros, ao redor de 78.000 euros dende o ano 2018”. Ademais o Ministerio para a Transición Ecolóxica outorgou ao concello larachés mais de 2 millóns de euros do Plan de Recuperación.