A alcaldesa trasladou tamén o estado do río Artes
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, e o concelleiro de Auga e Saneamento, Vicente Reiriz, reuníronse nestes días co director de Augas de Galicia -ente dependente da Xunta de Galicia-, Roi Fernández, para analizar conxuntamente a situación da rede de abastecemento e saneamento do municipio coa finalidade de mellorar ambas.
Os representantes municipais, xunto con persoal técnico, interesáronse polo estado da tramitación da regularización da concesión de captación do río Sieira, iniciada en agosto de 2020. Isto posibilitaría diminuír o volume de auga que se recibe do punto de captación do río Ulla e, polo tanto, os custes, sen renunciar a un correcto funcionamento do servizo. Ademais, o estado da concesión da captación condiciona os pregos a redactar para a licitación do novo contrato de concesión da rede de abastecemento de Ribeira.
Tamén se puxeron sobre a mesa futuras melloras a acometer na depuradora e nos bombeos de saneamento para a optimización deste outro servizo.
Limpeza do río Artes
Durante a xuntanza tamén se tratou a situación dos ríos no municipio, especialmente, do Artes, cuxo caudal desborda en episodios de chuvias intensas; unha limpeza integral para a que o Concello busca tamén a colaboración de Augas de Galicia.



