A sétima edición contou coa participación dunhas 200 persoas
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, e o concelleiro de Deportes, Álex Vidal, entregaron os 543 euros recadados na VII Milla Solidaria Heroínas de Sálvora á Asociación Galega para o Acompañamento Persoal e Educativo (Ágape), representada pola súa presidenta, Ana Ruth Arnoso.
A contía é o resultado das 200 persoas que participaron nesta cita que se celebra cada ano a principios do mes de xaneiro con motivo do afundimento do vapor-correo Santa Isabel na costa de Sálvora na madrugada do 2 de xaneiro de 1921, onde catro mulleres da illa tiveron un papel transcendental no rescate dos náufragos.
“Toda axuda é importante para o labor diario e vital que realiza o noso tecido asociativo. E aquí tamén se demostrou a solidariedade do pobo participando nunha cita que, nesta ocasión, recadou fondos a favor de Ágape. É loable este xesto por parte da cidadanía, así como o traballo de Abrahan Benítez, promotor do evento”, en palabras da rexedora.
Os fondos contribuirán a mellorar os servizos que ofrece Ágape ás persoas que forman parte desta entidade e, en consecuencia, redundará positivamente no conxunto da cidadanía.



