HomeA CoruñaMarta Abal denuncia falta de transparencia e incumprimento na xestión dos centros...

Marta Abal denuncia falta de transparencia e incumprimento na xestión dos centros socioculturais

- Anuncio -spot_img

A concelleira socialista Marta Abal cualifica de “inxustificable e incomprensible” a decisión do Goberno local de manter a xestión actual malia as graves deficiencias detectadas.

A concelleira do Grupo Municipal Socialista, Marta Abal, criticou hoxe a decisión da Xunta de Goberno local de prorrogar o contrato de xestión da rede de centros socioculturais, incluído o lote de animación sociocultural, acordada o pasado venres 31 de outubro.
Abal lembrou que “trátase dun servizo que, como é ben sabido, non se está a cumprir de acordo co establecido nos pregos do contrato, polo que esta prórroga resulta inxustificable e incomprensible”.

A edil explicou que a situación é “especialmente grave nas parroquias do rural de Compostela”, onde máis de trinta actividades programadas e xa pagadas polas persoas usuarias foron canceladas por falta de persoal. Segundo indicou, hai parroquias como Aríns e Cesar que carecen completamente de actividade e, en Villestro, “o Concello nin sequera ofreceu unha alternativa mentres o centro está en obras”.
Abal cualificou esta situación de “inadmisible porque as veciñas e veciños aboaron as súas cotas e non están a recibir o servizo, sen que ninguén lles dea explicacións nin garantías de devolución”.

A concelleira lembrou ademais que “ao mesmo tempo, o persoal segue con nóminas pendentes nun contexto de precariedade que o Goberno local coñece desde hai meses”, e advertiu de que, malia todo isto, o Executivo municipal decidiu manter o contrato.

O grupo socialista alerta de que o novo proceso de licitación acumula un atraso que impedirá a súa entrada en vigor “como mínimo ata febreiro de 2026”, o que prolongará a actual situación de deterioro dos centros socioculturais.

Abal insistiu en que “desde o Grupo Municipal Socialista esiximos medidas urxentes para garantir a continuidade das actividades e poñer fin ao deterioro progresivo dos centros socioculturais, especialmente no rural”. Tamén reclamou “unha resposta clara, inmediata e responsable ás persoas usuarias, que merecen respecto e transparencia por parte do seu Concello”.

Publicacións Relacionadas