Inscricións abertas na segunda carreira popular desta tempada, que terá lugar en horario de mañá, de 10.00 a 13.00 horas
O Concello inicia xa os preparativos de cara á segunda proba do circuíto Coruña Corre, que o domingo 12 de abril chegará a Matogrande e Xuxán coa carreira popular que percorrerá ambos os barrios, unha xornada que terá lugar en horario de mañá, de 10.00 a 13.00 horas.
As inscricións na carreira xa están habilitadas a través da páxina web do circuíto e, como xa é habitual, a posibilidade de participar está aberto a todos os públicos: desde adultos aos máis pequenos, pasando polas categorías inferiores desde sub-18 a sub-10.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, convidou á cidadanía a sumarse ao circuíto na que será a primera carreira de Coruña Corre en tempada de primavera. “Na Torre houbo moi boas cifras de participación e agardamos que así sexa durante toda a tempada porque o feedback recibido está a ser moi positivo. Neste sentido, seguiremos a traballar para mellorar a experiencia das e dos deportistas no conxunto do circuíto, escoitando e valorando as súas achegas. Isto é fundamental para nós, tanto a efectos de organización como para pór en valor os barrios que acollen cada evento”, indicou o edil.
Abertas as inscricións no conxunto do circuíto
Como vén sendo habitual, o circuíto Coruña Corre tamén ofrece a posibilidade de inscribirse no conxunto do circuíto. Esta modalidade xera a inscrición automática en todas as carreiras desta tempada e só esixe confirmar posteriormente a participación de xeito individual para cada carreira. Cómpre lembrar que esta modalidade de inscrición é a única forma de puntuar para o circuíto e optar aos premios.
Tras a proba da Torre e a de Matogrande – Xuxán, o circuíto Coruña Corre continuará coas probas de San Pedro de Visma (10 de maio), Os Rosales (31 de maio), Volta a Oza (13 de setembro), O Ventorrillo (25 de outubro) e Novo Mesoiro (22 de novembro).



