Mercedes Rosón advirte dun “precedente perigoso” pola decisión do goberno local de adiantar a comparecencia sobre Fly2Galicia á proposición das Non Adscritas

Redacción

• A concelleira Non Adscrita denuncia que o goberno pretende alterar a orde habitual do Pleno para que Míriam Louzao explique primeiro a súa xestión e “desactivar” a iniciativa que presenta a oposición.

• Rosón reclama acceso ao expediente íntegro das xestións municipais, un servizo de asesoramento para as persoas afectadas e que o Estado e AENA revisen a autorización da operativa.

A concelleira non adscrita Mercedes Rosón advertiu este mércores dun “precedente perigoso” pola decisión da Alcaldesa de situar a comparecencia da concelleira de Turismo, Míriam Louzao, sobre Fly2Galicia antes da proposición presentada polas Non Adscritas sobre esta mesma operativa. Rosón critica que o Goberno local está a alterar a orde establecida para o desenvolvemento dos Plenos, facendo que a súa explicación sobre o caso se produza antes de que a Corporación poida votar as propostas formuladas pola oposición.

A concelleira lembra que o artigo 59 do Regulamento Orgánico Municipal establece que as proposicións deben abordarse antes da parte de información e control, na que se integra a comparecencia. “Queren evitar así esa votación, desactivar ese debate e colocar primeiro o seu discurso”, denuncia Rosón.

A iniciativa das Non Adscritas aborda precisamente as xestións realizadas polo Concello arredor da chegada de Fly2Galicia a Lavacolla e formula medidas concretas sobre transparencia, protección das persoas usuarias e revisión da autorización da operativa.

“Un precedente moi perigoso para o funcionamento do Pleno”

Rosón considera especialmente grave que a modificación da orde se produza agora, a través dun presunto acordo da Xunta de Portavoces na que as concelleiras Non Adscritas non están representadas. “Sempre nos trasladan estes acordos como feitos consumados”, sinala.

Ao seu xuízo, o problema vai máis aló do caso concreto de Fly2Galicia. “A partir de agora, a alcaldesa poderá manexar a orde do día sen encomendarse nin a Deus nin ao demo, poñendo os puntos como mellor lle conveña aos seus intereses partidistas para taparlle a boca á oposición”, afirma.

Para Rosón, os órganos colexiados deben funcionar como instrumentos de control sometidos a unhas regras coñecidas e non como espazos nos que o Goberno poida decidir a orde dos debates en función da súa conveniencia política: “cando as institucións e os órganos colexiados deixan de ser ferramentas de control regladas para converterse en instrumentos de propaganda gobernamental ao servizo dos partidos, perdemos lexitimidade”, sostén.

A concelleira insiste en que as Non Adscritas non cuestionan a comparecencia da responsable de Turismo, senón a decisión de colocala por diante da súa proposición. “Non imos retirar a nosa iniciativa nin imos facerlles de figurantes no seu teatro”, afirma.

Rosón advirte de que, se a alcaldesa non rectifica e mantén a orde prevista, as Non Adscritas actuarán durante a comparecencia para denunciar o que consideran un uso partidista da orde do Pleno. “Actuaremos en consecuencia durante esa comparecencia para poñer a este goberno diante do seu propio espello”, sinala.

As concelleiras manterán en todo caso a súa proposición e reclamarán que esta sexa debatida e votada pola Corporación. “Que ninguén teña dúbida de que imos manter a nosa proposición para obrigar a todos os grupos a retratarse e votar diante da veciñanza de Santiago”, conclúe.

Acceso ao expediente e protección para as persoas usuarias

A proposición que as Non Adscritas levarán ao Pleno parte das contradicións públicas existentes arredor do papel desempeñado polo Concello nas xestións con Fly2Galicia. O pasado 19 de agosto, a concelleira de Turismo aseguraba que o Concello levaba “moitos meses” mantendo contactos coa operadora e que se estaba “apoiando” a iniciativa. Apenas 48 horas despois, tras coñecerse informacións sobre a solvencia do proxecto e os vínculos das aeronaves coa compañía FlyYo e con operadoras de Israel, a alcaldesa afirmou que “non houbo nin haberá apoio económico nin colaboración”.

As Non Adscritas consideran necesario aclarar que actuacións realizou realmente o Concello durante eses meses de contactos e que documentación existe ao respecto. Por iso, a primeira medida da proposición reclama que o Goberno local remita de inmediato aos grupos municipais e ás concelleiras da Corporación o expediente íntegro de Turismo de Santiago (Incolsa) relativo aos contactos e reunións mantidos con Fly2Galicia ou, no caso de que non exista, un informe asinado polo departamento municipal responsable.

A iniciativa incorpora tamén unha medida directamente dirixida ás persoas que adquiriron billetes para os voos. As Non Adscritas propoñen que o Concello active, a través da Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), un servizo específico de asesoramento e acompañamento xurídico para orientar ás persoas usuarias ante a evolución da situación da operadora.

“Non podemos esquecer ás persoas que están no medio desta situación, que compraron un billete confiando nunha operativa que o propio Concello recoñeceu estar apoiando e que agora se atopan ante unha situación de incerteza”, sinala Rosón.

Solicitar ao Estado a revisión da autorización

A terceira proposta reclama ao Goberno do Estado que, a través do Ministerio de Transportes e AENA, revise con carácter urxente a autorización concedida á operativa de FlyYo e Fly2Galicia, á vista das informacións publicadas sobre os vínculos da compañía subministradora das aeronaves con empresas de capital israelí e o contexto internacional relacionado coa situación en Gaza.

As Non Adscritas consideran que estas circunstancias deben ser analizadas polas administracións competentes e que o Concello de Santiago debe trasladar formalmente esta petición ao Estado.

Rosón defende que as tres medidas -coñecer o alcance real das xestións municipais, ofrecer protección e asesoramento ás persoas afectadas e solicitar a revisión da autorización- deben ser debatidas e votadas pola Corporación con independencia da comparecencia da concelleira de Turismo: “o que pedimos é transparencia, protección para as persoas usuarias e que se aclaren as responsabilidades de cada administración”, conclúe.

Comparte este artigo