• Propón prohibir as vivendas de uso turístico en todo o termo municipal ante as máis de 600 que seguen operando segundo o REAT
• As Non Adscritas apostan tamén por crear un protocolo de ‘desafiuzamento cero sen alternativas habitacionais reais’, un censo de vivenda baleira e a activación do Rexistro de Soares para mobilizar inmobles sen uso
As concelleiras Non Adscritas propoñen dar un paso adiante na política municipal de vivenda cun paquete de catro medidas a curto prazo que permita reforzar a protección do dereito á vivenda en Santiago. Entre elas, Mercedes Rosón sitúa como prioridade a prohibición das vivendas de uso turístico (VUT) en todo o termo municipal, así como a creación dunha unidade específica de inspección para facer cumprir a normativa urbanística e clausurar as actividades ilegais.
“Agora que ninguén cuestiona que as vivendas turísticas son un negocio e non un uso habitacional da vivenda, debemos atallar este problema”, sinalou Rosón, que defendeu que “a vivenda nunca debe ser un negocio: a vivenda é un dereito constitucional, non é un activo financeiro”. A proposta contempla avanzar cara á prohibición da actividade das VUT en Santiago e reforzar o control municipal mediante unha brigada específica de disciplina urbanística que permita actuar tanto contra vivendas turísticas ilegais como contra falsos alugueiros de tempada.
A concelleira lembrou que, segundo os datos do Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia, o número de vivendas de uso turístico pasou de 811 en xaneiro de 2024 a 608 en 2026. Aínda que esta evolución supón unha redución, froito da modificación do PXOM que a propia Rosón aprobou como responsable de Urbanismo -que limita as VUTs a baixos ou primeiros andares fora do ámbito do Plan Especial da Cidade Histórica, onde xa están prohibidas-; a concelleira Non Adscrita e candidata á Alcaldía considera que “non é suficiente” ante a dimensión da crise habitacional e defendeu que o Concello debe adoptar novas medidas para evitar que vivendas destinadas ao uso residencial sexan desviadas cara ao mercado turístico.
Un protocolo para evitar desafiuzamentos sen alternativa habitacional real
A segunda medida proposta é a elaboración dun protocolo de “Desafiuzamento cero sen alternativas habitacionais reais”, co obxectivo de anticipar a intervención municipal e evitar que os Servizos Sociais coñezan unha situación de desafiuzamento cando apenas quedan uns días para o lanzamento.
A proposta pasa por impulsar un mecanismo de alerta temperá cos xulgados de Santiago para que os Servizos Sociais reciban a información desde o momento no que se presenta a demanda. A partir de aí, o Concello podería actuar como mediador e ofrecer solucións diferenciadas segundo cada situación: establecer un fondo de garantía pública de renda para pequenos propietarios a cambio da renovación dos contratos a prezos taxados ou garantir unha bolsa de realoxo inmediato para persoas maiores ou en situación de vulnerabilidade.
Rosón defendeu esta medida para evitar que se repitan “dramas como o de Mari Carmen” e asegurou que “non podemos aceptar que unha administración pública chegue cando xa non queda practicamente nada que facer”. O obxectivo, explicou, é que o Concello actúe con antelación, mediando entre propietarios e inquilinos e mobilizando recursos públicos antes de que se produza a perda efectiva da vivenda.
Censo de vivenda baleira e mobilización de inmobles
A terceira proposta consiste na elaboración dun censo de vivenda baleira en todo o municipio que permita coñecer con precisión o parque residencial sen uso e adoptar medidas para favorecer a súa incorporación ao mercado.
Rosón aposta por utilizar este censo para aplicar, dentro das posibilidades que permita a normativa, unha maior presión fiscal sobre aqueles inmobles que permanezan baleiros de maneira inxustificada. Ademais, cando as condicións dos inmobles o permitan, propón activar os mecanismos previstos no Rexistro de Soares para favorecer a súa recuperación e, cando proceda legalmente, a expropiación do inmoble.
A concelleira sitúa estas medidas no contexto das mobilizacións cidadás das últimas semanas e reivindica que o Concello estea á altura “dos centos de persoas que se teñen manifestado amosando o mellor da sociedade organizada”.
“A vivenda é un dereito, non un activo financeiro”
Rosón considera que estas catro medidas deben formar parte dos compromisos electorais das Non Adscritas e defende que o ámbito municipal non pode permanecer á espera de que outras administracións adopten solucións.
“Fronte á covardía demostrada polos partidos do Estado no Congreso e á inacción da administración competente en vivenda, a Xunta de Galicia, desde o eido municipal debemos dar un paso adiante e estar á altura do que demanda a cidadanía”, afirmou.
A proposta das Non Adscritas combina así medidas de protección inmediata ante situacións de vulnerabilidade, mobilización de vivenda baleira e reforzo da disciplina urbanística coa eliminación progresiva do uso turístico da vivenda. Adiantan ademais que nas vindeiras semanas darán a coñecer as medidas a medio prazo que propoñen tamén no marco da política de vivenda. Un aspecto, apuntan, que é “central no noso proxecto” toda vez que, lembran, “precisamente este camiño comezou porque o PSOE nos expulsa do partido por sermos leais coa palabra dada e aprobar a ordenanza que completaba a modificación do PXOM aprobada por nós”.
“Ou se protexe a vivenda como dereito ou se protexe a vivenda como negocio. Non hai solucións intermedias”, concluíu Rosón

