• As Non Adscritas piden que o contrato da auga volva ao pleno e reclama ao BNG que permita a súa aprobación cunha abstención
• Castro pide tamén “menos cálculo electoral e máis compromiso con Santiago” ao PSOE “despois de varias semanas centrados en xogar á pelota por ver quen será o candidato”
As Non Adscritas fixeron este sábado balance da semana política que deixa, segundo Mila Castro, dúas conclusións claras: “o remordemento de conciencia do BNG por bloquear o contrato da auga e que PP e PSOE xa entraron en campaña electoral cando aínda falta máis dun ano para as eleccións municipais”.
Castro referiuse ás explicacións ofrecidas nos últimos días pola Alcaldesa sobre o voto en contra do BNG para a renovación da concesión do servizo da auga. Unha decisión que, lembra foi a que bloqueou finalmente que saíra adiante o novo contrato xa que os votos a favor das Non Adscritas -Mercedes Rosón, Marta Álvarez, Gonzalo Muíños e a propia Castro- “non quedaron sen efecto pola abstención de once concelleiros do PP, senón polo voto en contra dos seis do BNG”.
“Nestes días vimos a unha Alcaldesa dando explicacións e escusas día si e día tamén sobre o seu voto en contra” algo que, a ollos das Non Adscritas, denota “remordemento de conciencia”. A concelleira considera que é “difícil de entender” que o BNG votase en contra do contrato e, ao mesmo tempo, acusase publicamente ao Partido Popular de bloquealo pola súa abstención.
PP e PSOE máis preocupados polos candidatos que polos problemas de Santiago
Castro criticou tamén a actitude do Partido Popular, ao que acusou de manter unha posición “cambiante e errática” sobre a concesión da auga. Segundo lembrou, os populares votaron en contra da concesión en setembro do 2022, cando a propia concelleira Non Adscrita, daquela responsable de Servizos Básicos no executivo de Sánchez Bugallo, elevara esta cuestión á consideración do pleno. Ademais, o 2 de febreiro deste ano, o PP votou a favor da concesión na Comisión de estudo para, finalmente, no pleno do 26 do mesmo mes absterse: “esgotaron xa todos os posicionamentos posibles e, queda claro, que isto só responde a que están en campaña electoral”.
En calquera caso, engade que o Partido Popular non son os únicos instalados en campaña, sinalando tamén ao PSOE: “ambos están máis preocupados polos seus candidatos que polos problemas de Santiago”. Neste sentido, pon como exemplo a rolda de prensa deste venres na Casa do Pobo de Santiago onde os deputados Patricia Iglesias e Aitor Bouza e o secretario provincial, Bernardo Fernández referíronse á terna de posibles candidatos do PSOE para as municipais: “puidemos ver a unha deputada de Carballo, a un deputado de Ferrol e a un alcalde de Pontedeume falando de feridas pechadas no socialismo compostelán mentres seguen co xogo da pelota por ver quen será o candidato no 2027” sinalou.
Neste sentido, lembra que tanto Bouza e Fernández, foron os autores materiais da expulsión das catro Non Adscritas, “e agora son os mesmos que queren dar por superados os problemas que eles mesmos crearon”. Engade ademais as súas dúbidas sobre o proceso de elección do vindeiro candidato xa que “o antecedente máis próximo que temos foi o de varias decenas afiliacións de dubidosa legalidade previas á elección do propio Bouza”.
“Se as feridas do socialismo están pechadas será algo que dirán as nosas veciñas e veciños nas urnas, pero eu lembraría a uns e outros que falta máis dun ano para que iso chegue” engadiu Castro.
“Menos cálculo electoral e máis compromiso con Santiago”
Finalmente, Castro fixo un chamamento ao resto de grupos a centrarse nos asuntos prioritarios da cidade: “Santiago non pode permitirse máis tempo perdido”. A concelleira non adscrita advertiu que iniciar agora a campaña electoral sería “un desastre para Santiago” porque suporía “máis bloqueos, crispación e titulares baleiros en lugar de solucións”.
Neste sentido, reclamou que o contrato da auga regrese ao pleno municipal e instou ao BNG a permitir a súa aprobación mediante unha abstención, ao tempo que pediu ao Partido Popular que “deixe de xogar coas cousas de comer”.
“Menos cálculo electoral e máis compromiso con Santiago”, concluíu Castro, lembrando que “a xente que votou no 2023 non nos elixiu para facer campaña permanente, senón para sacar adiante os proxectos que a cidade necesita”.



