• As concelleiras non adscritas critican que populares e Alcaldesa busquen xustificarse polo bloqueo da renovación do contrato “cando ambos son culpables do bloqueo”
• Piden altura de miras e reclaman a Sanmartín que “se quere desbloquear este asunto, que o leve de novo a pleno e cambie o seu voto en contra pola abstención, que nós votaremos, a favor como sempre fixemos”
A concelleira non adscrita, Mila Castro, cualificou este sábado de “demencial” o cruce de relatos entre PP e BNG a conta da votación do pasado xoves na que, o pleno municipal, freou a renovación do contrato da auga -coa abstención do PP e os votos en contra de BNG e CA-: “nin Berlanga se atreveu a tanto”.
Castro sinala directamente a ambas formacións como responsables da situación actual. “O PP carga contra a Alcaldesa, pero eles abstivéronse dicindo aquilo de ‘concesión si, pero cando eu chegue’” lembrou, cuestionando a falta de urxencia dos populares ante os “enormes problemas de roturas e ampliacións que precisa a rede de auga”. Ao mesmo tempo, critica que a Alcaldesa sinale ao PP de bloquear o contrato cando “o BNG votou en contra de renovar esa mesma concesión no pleno”.
Para as non Adscritas, a situación resume perfectamente o refrán do can do hortelano “que nin come nin deixa comer”: “uns bloquean porque non lles ven ben que se solucionen os problemas e outras porque así teñen a quen botarlle as culpas de que non se solucionen os problemas de Santiago”.
Altura de miras para desatascar un tema “prioritario e urxente”
Castro lamenta que se perderan tres anos e cinco meses, desde que en setembro do 2022, ela mesma, como concelleira responsable de Servizos durante o goberno de Sánchez Bugallo, intentara sacar adiante esta concesión. Denuncia que “os mesmos que bloquearon no pasado, volven agora a frear este contrato tan importante” mentres o debate público se centra en “quen ten máis culpa”. A resposta está clara para a edil non adscrita: “os dous, PP e BNG” sentencia, acusándoos de xogar á polarización e á crispación política.
Os cambios “grotestos” de posición do Partido Popular tamén foron obxecto de críticas por parte das concelleiras non adscritas. Lembran que na votación de setembro do 2022 o PP votou en contra da concesión; na comisión de estudo, o 2 de febreiro deste ano, votaron a favor; e, finalmente, no pleno posterior, optaron pola abstención. Ao tempo, tachan de “ridículo” o posicionamento “ambiguo” do BNG, para concluír cualificando esta situación de sainete: “unha farsa que fai perder tempo a Santiago” afirmou Castro, criticando ademais o gasto de 80.000 euros nun informe “que non desbloqueou nada”.
Finalmente, Castro apelou á “altura de miras” e instou á Alcaldesa a levar este asunto de novo ao pleno: “se quere desbloquear o contrato bastará coa súa abstención para que nós aprobemos a renovación da concesión”, asegurou, reiterando que as concelleiras non adscritas votarán a favor como fixeron nas votacións previas.
Así mesmo, considera que o PP “queda desacreditado” para reclamar melloras na rede de saneamento e abastecemento, ao entender que a súa actuación demostra que “o único que lle importa é chegar á Alcaldía”.



