Tras encadear dez anos consecutivos incrementando residentes, o municipio sitúase como un dos de maior dinamismo da provincia
O Concello de Miño continúa a súa escala demográfica imparable. Segundo os datos provisionais do Padrón ao 1 de xaneiro de 2026, o municipio alcanzou a cifra de 7.268 residentes. Este dato supón non só un novo máximo histórico, senón a confirmación dunha tendencia sólida: Miño encadea xa dez anos consecutivos gañando poboación.
Con respecto ás cifras oficiais do ano pasado, que se situaban en 7.108 habitantes, o municipio sumou 160 novos residentes nos últimos doce meses. Este incremento reafirma a Miño como un dos concellos con maior vitalidade demográfica da provincia da Coruña e de toda Galicia, mantendo un ritmo de crecemento constante que contrasta co estancamento doutras zonas
Un crecemento novo e familiar
O perfil dos novos empadroados reforza unha das características máis singulares de Miño: a súa pirámide poboacional. Ao contrario do que ocorre en gran parte da comunidade autónoma, Miño presenta unha estrutura demográfica nova e activa.
Este rexuvenecemento do padrón tradúcese nunha alta demanda de servizos educativos e de conciliación, visible no elevado número de matrículas no CPI Castro Baxoi e na alta participación en actividades infantís e xuvenís, como os campamentos de verán ou as actividades deportivas e culturais.
Calidade de vida e servizos como reclamo
O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, valora estes datos como o mellor indicador da saúde do municipio: “Superar os 7.260 veciños non é só unha cifra, é a demostración de que Miño é un lugar atractivo, con calidade de vida e servizos, onde cada vez máis persoas deciden iniciar o seu proxecto de vida”.
Para o rexedor, as claves deste éxito sostido radican en “unha localización privilexiada e unha contorna natural envexable, sumado a unha xestión centrada nas persoas. A mellora constante dos servizos públicos, as infraestruturas e a oferta de vivenda fan que sexamos a opción preferente para moitas familias da área metropolitana e a comarca”.
O goberno local reitera o seu compromiso de compasar este crecemento poboacional coa dotación de infraestruturas necesarias para garantir o benestar dos 7.268 veciños e veciñas que hoxe forman Miño.



