A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, participou na xuntanza do Grupo de Traballo de Conectividade Aérea de Galicia, que tivo lugar no Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro, e no que participaron Aena, a Xunta, administracións locais e representantes doutras entidades implicadas para avanzar no traballo que se ven desenvolvendo nos últimos meses.
En declaracións aos medios ao termo da reunión, a concelleira de Turismo valorou que “a Xunta por fin decidira dar un paso adiante e asumir que ten que colaborar coa captación de rutas aéreas”. “Levamos moito tempo demandando que este é un traballo que non teñen que facer os concellos que teñen aeroporto, senón que se debe de facer un traballo coordinado”, manifestou. E engadiu que “é a Xunta a que ten que coordinar o sistema aeroportuario galego; por tanto, hoxe parabenizámonos de que Xunta asuma que ten que colaborar cos concellos”, explicou.
Míriam Louzao sostivo que agora hai que “concretar este anuncio baixando ao papel e decidir como vai quedar”. Neste sentido, a concelleira asegurou que espera que esa concreción se poida facer nunha xuntanza entre o Concello de Santiago e Turismo de Galicia e lembrou que “é unha xuntanza que levamos moito tempo demandando e agardamos que agora, por fin si, poidamos sentarnos a falar desta e de moitas outras cuestións que temos sobre a mesa que tratar”.
O Concello de Santiago fai unha valoración positiva da xuntanza, na que a Xunta anunciou a súa disposición a colaborar economicamente cos concellos para a captación de rutas nos aeroportos galegos. O Concello de Santiago viña demandando, tanto publicamente como nos diferentes foros de traballo arredor do aeroporto, que para conseguir un desenvolvemento eficaz do sistema aeroportuario galego era preciso que a Xunta cambiase a súa postura e asumise a súa responsabilidade, aportando recursos para a captación de rutas. Agora corresponde, polo tanto, que se fixen as aportacións e prazos concretos para a captación de rutas.
Neste sentido, dende o concello de Santiago considérase prioritario que a implicación económica da Xunta poida materializarse xa de cara a próxima tempada aeronáutica de inverno, de finais de outubro do 2026 a finais de marzo do 2027, para poder comezar 2027 cunha oferta máis ampla que permita fomentar a desestacionalización do destino.
O Concello de Santiago lembra que todo o traballo de captación de rutas que se desenvolva, tanto con recursos e o resto de aportacións, farase en coordinación con AENA e os seus estudos de mercado, tal como se ven facendo dun xeito fluído no último período. Neste sentido, a concelleira de Turismo indicou que en canto se produza a reapertura da pista despois das obras, a actividade retomarase con 17 conexións internacionais, catro delas novas (Nova Iorque con United; Ámsterdam con KLM; Cork con Air Lingus; e Marrakech con Vueling). Neste sentido, engadiu que o Concello “é ambicioso” e seguirá traballando para incrementar esta conectividade.



