A concelleira reclama tamén da Xunta unha mellora nas dotacións económicas de promoción aeroportuaria, moito máis baixas en Galicia que noutros puntos do Estado.
A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, participou esta mañá, acompañada da xerente da empresa municipal de Turismo de Santiago, Incolsa, Flavia Ramil, na xuntanza do grupo de traballo de conectividade aérea de Galicia que se desenvolveu no aeroporto Rosalía de Castro de Lavacolla. No marco desta reunión, a edil reiterou a posición do Concello de Santiago favorable a que a Xunta de Galicia asuma o papel que lle corresponde na coordinación do sistema aeroportuario galego con alcance de país. Para Louzao, este é o xeito de “optimizar os nosos recursos” no contexto galego, onde operan tres aeroportos nun espazo moi próximo.
“A maneira de traballar debe ser conxunta”, defendeu a responsable de Turismo, engadindo que, se ben o Concello de Santiago mantén a interlocución cos concellos de Vigo e A Coruña, é o papel da Xunta “liderar a coordinación do sistema aeroportuario de país”. Na mesma liña, a edil animou a esta Administración a aumentar a cantidade económica anual, que na actualidade é “mínima”, limitada a 200.000 euros, para a promoción de cada aeroporto. Neste sentido, Louzao recordou que noutros puntos do Estado o investimento de cadanseu goberno autonómico é moito maior. “Seguimos xa que logo insistindo nestas dúas cuestións, porque ambas son moi importantes: o labor de coordinación e a dotación económica”, resumiu.
Míriam Louzao explicou que mentres a Xunta non asuma a súa responsabilidade son os Concellos “quen facemos este traballo” de promoción aeroportuaria. Nese sentido, a edil defendeu os bos datos que presenta o aeroporto compostelán. Lembrou que o Rosalía de Castro acadou este ano por primeira vez na súa historia a conexión con tres continentes e conseguiu suavizar o impacto do peche da base de Ryanair, evitando un acusado descenso de pasaxeiros.
De cara á tempada de inverno, a edil amosou un moderado optimismo. Lembrou a apertura dunha nova base de WizzAir e o feito de que Vueling manteña o seu cuarto avión durante os vindeiros meses, alén do quinto anunciado para o ano que vén. Tamén se referiu á confirmación de United Airlines de que manterá a liña a Nova York en 2027.
Esta estratexia de internacionalización do aeroporto santiagués está dando xa froitos visibles. Deste modo, a concelleira referiuse ao incremento dun 30% nas estadías internacionais en Santiago de Compostela do pasado agosto en relación co mesmo mes de 2025. Louzao explicou que un dos obxectivos do Concello de Santiago é promover o crecemento do turismo internacional, dun modelo de turismo que prime a calidade.
“Por desgraza, desta xuntanza saímos sen moitas novidades”, lamentou a concelleira, recordando que “seguimos no mesmo punto” e que, aínda que o Concello de Santiago continúa “tendendo a man”, é responsabilidade da Xunta de Galicia “o labor de coordinación”.

