HomeA CoruñaMoeche incrementa a prevención suspendendo feiras e outras actividades, ao tempo que...

Moeche incrementa a prevención suspendendo feiras e outras actividades, ao tempo que recupera a cita previa e o servizo de axuda a persoas sen rede de apoio para facer a compra ou ir á farmacia

- Anuncio -spot_img

Sanidade manterá mañá ás 13.00h. un encontro virtual coas alcaldesas e alcaldes de todos os municipios da comarca que estarán pechados desde a medianoite do mércores para o xoves

O Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, compareceu esta mañá en rolda de prensa para detallar a información que coñecemos onte á noite sobre a ampliación do nivel máximo de restricións a outros 55 municipios galegos, entre eles o de Moeche. Na comparecencia explicáronse os motivos que levaron ao comité clínico da Xunta a propor esta medida, que se recollerá hoxe nunha edición especial do DOG -os famosos diarios “bis”- co obxectivo de que entre en vigor na medianoite do mércores para o xoves. Os dous cambios máis importantes son o peche perimetral do municipio e o feito de que a hostalaría só poderá atender nas terrazas, mentres que o resto das restricións quedan como estaban. O cambio no nivel de restricións -ao que tamén se engadiron o resto de concellos limítrofes, agás As Somozas- vén dado polo incremento da ratio de casos por cada 100.000 habitantes e por unha incidencia ascendente que ameaza con saturar a capacidade hospitalaria da área sanitaria. Ante esta situación, o Concello de Moeche decidiu suspender a feira deste sábado 23 de xaneiro e recuperar a atención presencial, preferentemente, con cita previa. Ademais tamén se reactivou o servizo de axuda para persoas sen redes de apoio familiar ou veciñal que precisen ir facer compra de produtos básicos ou medicamentos.

O titular de Sanidade asegurou que a situación epidemiolóxica en Galicia “é preocupante e de claro crecemento” e engadiu que as medidas adoptadas a semana pasada aínda non tiveran repercusión estatística no control dos contaxios nin tampouco nun descenso da presión hospitalaria, que continúa á alza. Comesaña explicou neste sentido que, á vista dos datos acumulados, o comité clínico recomendara na súa xuntanza de onte engadir outros 55 concellos ao listado do nivel máximo de restricións, de maneira que desde a madrugada deste xoves serán un total de 116 municipios -“o 72% da poboación”, dixo o conselleiro- os que verán limitada a mobilidade de entrada e saída, ademais de aplicarse neles maiores restricións para a hostalaría.

No caso dos municipios adscritos á Área Sanitaria de Ferrol xa se encontraban no nivel máximo Narón, Ferrol, Fene, Cabanas, Pontedeume e Ortigueira. Agora a Xunta incorpora a ese listado os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Mañón, Mugardos, Neda, San Sadurniño, Valdoviño e tamén Moeche, mentres que permanecen no nivel medio-alto As Somozas, As Pontes e A Capela.

De acordo co nivel máximo de restricións, no noso municipio e nos outros sinalados en negriña quedará prohibida a entrada e saída agás por razóns xustificadas, “laborais, educativas e sanitarias”, xeralizou o conselleiro en alusión ao listado de excepcións permitidas. O peche perimetral tamén significa que non se permitirá o tránsito entre municipios no mesmo nivel de restricións, posto que eses peches son individuais (non existen as “améndoas”).

Outras cuestións relativas á mobilidade quedan como estaban, é dicir, non se pode entrar ou saír de Galicia -salvo nas excepcións autorizadas-, os grupos de non conviventes en espazos públicos ou privados non poderán ser maiores de 4 persoas -xa non poden selo- e en pleno debate a nivel de Estado sobre o seu posible adianto, o toque de queda segue manténdose por agora co mesmo horario, das 22.00 ás 06.00h., de xeito que os establecementos comerciais deberá pechar como moi tarde ás 21.30h.

Onde máis repercutirán as restricións será na hostalaría. Seguirá tendo que pechar ás 18.00h., podendo ofrecer servizo de recollida e reparto a domicilio despois desa hora. Porén, desde este xoves, bares e restaurantes só poderán servir en terraza -prohíbese no interior- sempre sen superar o 50% da ocupación das mesas que tivesen autorizadas no ano anterior. Arredor delas tampouco poderán sentar máis de catro persoas que non vivan xuntas e deberase manter sempre a distancia de seguridade de 1,5 metros.

O resto de medidas restritivas son as mesmas que xa se debían aplicar desde a semana pasada. Como norma xeral en practicamente todas as actividades márcase un tope de 4 persoas por grupo e aforos a un 50%: o comercio ten que seguir traballando á metade da súa capacidade, igrexas e lugares de culto a 1/3, máximo 10 persoas nos velorios en interior -25 en espazos abertos- e os enterros non poderán exceder as 25 persoas asistentes entre familiares e achegadas. Outra novidade que sairá hoxe publicada no DOG é a suspensión das competicións deportivas federadas en toda Galicia salvo para equipos que participen nas de ámbito estatal.

24 casos en Moeche
A Xerencia da Área Sanitaria de Ferrol comunicoulle ao Goberno local que a media mañá de hoxe en Moeche se contabilizaban 24 casos activos, unha cifra por riba da ratio 250/100.000 habitantes empregada polo comité clínico para recomendar o paso ao nivel máximo de restricións. A Consellaría de Sanidade convocou para mañá ás 13.00h. un encontro por videoconferencia coas rexedoras e rexedores da zona no que o conselleiro explicará cal é a situación epidemiolóxica e as medidas que entrarán en vigor na madrugada do xoves.

O aumento da incidencia da COVID-19 que vén producíndose tanto en Moeche como na maior parte de Galicia desde despois das festas levou a Goberno local suspender a actividade deportiva municipal, a reorganizar o Servizo de Axuda no Fogar -onte fixéronselles probas PCR a todas as traballadoras- e a recuperar o servizo de apoio veciñal para aquelas persoas que non dispoñan dunha rede de axuda para desprazárense mercar produtos básicos ou medicamentos. Este servizo solidario pode solicitarse no 639 417 975 entre as 9.30 a 18.30h.

Ademais o consistorio tamén reactivou o sistema de cita previa para as xestións presenciais -a través do 981 404 006-, recomendando que no posible se utilice a Sede Electrónica para os trámites máis habituais. Por último, o Goberno local decidiu suspender a feira deste sábado 23 de xaneiro e avanzou que a celebración da seguinte, a do 11 de febreiro, estará condicionada á evolución da situación sanitaria.

Publicacións Relacionadas