A Praza do Pardelo acollerá o 23 de abril, ás 18:00 h, a actuación de “Carballo con Botas”, mentres se lanza tamén o novo Club de Lectura Municipal
Con motivo da celebración do Día do Libro, o Concello de Muxía organiza unha actividade pensada para todos os públicos, cun claro enfoque participativo, lúdico e de fomento da lectura. O vindeiro martes 23 de abril, ás 18:00 h, a Praza do Pardelo converterase nun espazo de encontro cultural coa actuación de Carballo con Botas e a súa Ciclobiblioteca, un espectáculo itinerante que mestura contacontos, humor e libros sobre dúas rodas.
A actividade incluirá tamén mesiñas con libros para agasallar, fomentando o acceso á lectura e o intercambio literario. En caso de chuvia, o evento trasladarase á biblioteca municipal.