O goberno municipal aposta por servizos básicos esenciais que repercuten directamente na veciñanza
O Concello de Muxía levará ao pleno do próximo luns unha proposta de investimentos por un importe total de 310.178,45 € dentro do POS+ Adicional 2/2025 da Deputación da Coruña.
As actuacións previstas céntranse en tres proxectos fundamentais:
1. Mellora dos accesos a Castelo e A Granxón – 223.653,38 €
2. Reparación e mellora do bombeo en Os Muíños – 30.098,57 €
3. Suministro e instalación de contadores en depósitos de auga, sistemas de control, regulación de bombas e telecontrol de consumos – 56.426,50 €
Con estas obras, o goberno municipal quere garantir o abastecemento de auga, evitar consumos anómalos, mellorar o saneamento e dotar de accesos en condicións ás parroquias, respondendo así a unha demanda histórica da veciñanza.
—
Declaracións do alcalde de Muxía
“O noso compromiso é claro: apostar polos servizos básicos esenciais. Nos últimos anos non se fixeron investimentos para mellorar a traída de auga, e iso provocou que tiveramos que recorrer en moitas ocasións a camións cisterna. Con estas actuacións queremos solucionar eses problemas, mellorar o abastecemento e reducir o impacto económico que supoñía para o Concello.
Son tres investimentos básicos: accesos, saneamento e auga. É un primeiro paso, pero un paso firme para dar resposta ás necesidades reais da nosa veciñanza. Seguiremos traballando para que Muxía conte cos servizos que merece”.