O Concello de Muxía recibiu onte a José Nieto, impulsor do reto solidario “5.500 kms por una sonrisa”, unha iniciativa que busca dar visibilidade e apoio á investigación e á loita contra o cancro infantil a través dunha travesía a pé de máis de cinco mil quilómetros por toda España.
O percorrido, que xa acumula máis de 4.100 km e 95 etapas —cada unha delas equivalente a un maratón—, chegou a Muxía cunha etapa circular de case 40 km, correspondente á ruta Bormoio Agualada-Muxía.
A pesar das molestias físicas acumuladas ao longo do camiño, José Nieto segue avanzando coa mesma forza e ilusión. Durante a súa estancia en Muxía, recibiu a visita do alcalde, Francisco Javier Sar, e da tenente alcalde, Sandra Vilela, quen se desprazaron ata o albergue donde se aloxaba para darlle a benvida oficial e mostrar o apoio do Concello a esta iniciativa solidaria.
Declaración do alcalde, Francisco Javier Sar:
“Para Muxía é unha honra ser o primeiro concello de Galicia en recibir este gran reto solidario. Este tipo de iniciativas lembran que sempre debemos estar ao carón das causas que teñen que ver cos máis pequenos. Animamos á veciñanza e a outros concellos a sumarse e a colaborar, porque cada xesto conta”.
Declaración da tenente alcalde, Sandra Vilela:
“É emocionante ver persoas como José, que entregan o seu tempo, esforzo e saúde para dar voz a unha causa tan necesaria como a loita contra o cancro infantil. Desde Muxía queremos recoñecer o seu exemplo e convidar á cidadanía a acompañalo, difundilo e colaborar”.
Declaración de José Nieto:
“Quero dar as grazas a Muxía e ao seu Concello pola súa acollida e polo seu compromiso. Estes apoios son a forza que me permite seguir camiñando día tras día. Este reto é de todos, e cada quilómetro que fago é polas familias e os nenos que loitan contra o cancro infantil”.
Con este recibimento, Muxía convértese no primeiro concello galego en sumarse oficialmente ao reto solidario, consolidándose como un municipio solidario e comprometido con causas sociais de impacto real.
Dende o Concello de Muxía faise un chamamento á cidadanía para acompañar, difundir e colaborar nesta causa.
Máis información sobre o reto e como colaborar en: