• O evento, celebrado na Arliña o Luns de Pascua, serviu tamén para recoñecer aos deportistas locais destacados en 2024 e lembrar ao xogador Abdoulaye Fall Seck no noveno aniversario do seu pasamento
O Concello de Muxía organizou o pasado Luns de Pascua un emotivo evento deportivo na Arliña, no que se disputou un partido entre os veteranos do Muxía e o Muxía B. A cita naceu co obxectivo
de homenaxear aos xogadores que, ao longo das últimas décadas, contribuíron de maneira exemplar ao crecemento e consolidación do club local, e que son parte esencial da súa historia.
Antes do encontro, tivo lugar un acto de recoñecemento ás e aos deportistas do municipio que acadaron fitos relevantes durante o ano 2024, levando con orgullo o nome de Muxía por todo o país. As persoas homenaxeadas foron: Lucía Pazos, Oliver Mouzo, Samuel Méndez, Eva Lema, Yaiza Sar, Noa Sambad, Lola Soneira, Claudia Otero, Raúl Lema, Manu Nogueira, Patri Romaní, Lucas Toba, Alex Sánchez, Pablo Paz, Antón Pose, Alberto Martínez e Barca Toba.
Durante o descanso do partido, que finalizou coa vitoria do filial, realizouse un minuto de silencio e unha ofrenda floral en lembranza de Abdoulaye Fall Seck, ao cumprirse nove anos do seu falecemento. O Concello anunciou, ademais, a creación dun torneo que levará o seu nome, co fin de perpetuar a súa memoria e promover os valores de respecto e unión entre xeracións no ámbito deportivo.
Con esta iniciativa, o Concello de Muxía reafirma o seu compromiso co deporte local, a memoria histórica e o fomento dos valores que fortalecen a identidade comunitaria.