HomeA CoruñaA CoruñaNace o ‘Bosque Atlántico de Cerveiros’, un novo espazo verde en Bergondo

Nace o ‘Bosque Atlántico de Cerveiros’, un novo espazo verde en Bergondo

- Anuncio -spot_img

· O Concello finalizou un proxecto de acondicionamento e recuperación ambiental dunha parcela do polígono industrial.

· O proxecto está enmarcado dentro da estratexia de conservación da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e conta cunha subvención da Xunta de Galicia.

· Alejandra Pérez Máquez e a directora de Enerxías Renovables e Cambio Climático da Xunta, Paula Uría, visitaron a zona.

O Concello de Bergondo finalizou o proxecto de acondicionamento e recuperación ambiental dunha parcela do polígono industrial, creando un bosque atlántico de uso público que foi bautizado como ‘Bosque Atlántico de Cerveiros’, usando o topónimo polo que era coñecida historicamente esta zona.

Trátase dunha actuación enmarcada dentro da estratexia de conservación da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e contou cun orzamento de 65.803 euros, financiado cunha axuda da Xunta de Galicia.

A alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez; a directora de Enerxías Renovables e Cambio Climático da Xunta de Galicia, Paula Uría; e o xerente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, Diego López, visitaron hoxe este novo espazo verde acompañados doutros membros do goberno local.

A través deste proxecto o Concello converteu a parcela nun pulmón verde no que se combinan recuperación ambiental, biodiversidade e usos sociais. Os traballos que levaron a cabo consistiron en: eliminación de especies exóticas invasoras e recuperación de vexetación autóctona propia do bosque atlántico; restauración ecolóxica do terreo para favorecer a presenza de fauna local e polinizadores; creación de espazos de lecer e educación ambiental, con carreiros adaptados, zonas de observación e áreas de descanso; e a mellora da paisaxe do polígono, xerando unha contorna máis amable que favoreza a convivencia entre actividade industrial e medio natural.

O obxectivo era incrementar a calidade ambiental do municipio e reforzar a conexión ecolóxica entre as áreas naturais da contorna, a ría e o tecido urbano e industrial. Desde o goberno local destacan que este proxecto supón “unha aposta clara pola transición ecolóxica, a mellora paisaxística e o benestar de toda a veciñanza de Bergondo”.

O ‘Bosque Atlántico de Cerveiros’ é un espazo accesible, pensado para o goce de familias, centros educativos, traballadores do polígono e visitantes, e permite avanzar cara a un modelo de municipio máis sostible e equilibrado.

Publicacións Relacionadas