Pasados os días de Santos e Defuntos, as celebracións do outono proseguen hoxe en Igrexafeita e Naraío cos seus tradicionais magostos organizados, respectivamente, pola AVV Adiante e pola AVV O Castelo de Narahío. Maxia, música, castañas e outras propostas compoñen os programas de ambas entidades, que se prolongarán desde o serán ata practicamente a madrugada.
O magosto organizado pola Asociación Veciñal Adiante comezará ás 19:00h, cun obradoiro de cabazas para a cativería no que aprenderán a baleiralas e decoralas con motivos propios do Samaín. A asociación anima a levar ideas orixinais e a manter a estética galega desta festa, afastada das imaxes importadas do halloween.
Ás 20:30h será a quenda do Mago Román, que traerá ao local social un espectáculo de ilusionismo cheo de humor e números abraiantes.
Tras o show, ás 21:30h, comezará a cea popular, composta por caldo caseiro, castañas asadas, xamón escaldado e sobremesa. O prazo para anotarse rematou o pasado día cinco, pero aínda se pode preguntar nos teléfonos 696 912 975 e 650 484 580.
Brais das Hortas, volta das ánimas, castañas e foliada en Naraío
A Asociación O Castelo de Narahío tamén puxo para a tarde-noite deste sábado o seu magosto e Samaín, que comezará ás 18:30h coa exposición das cabazas preparadas pola rapazada e coa entrega de pequenos agasallos a todas as crianzas que participen disfrazadas —iso si, sempre con temáticas galegas e non relacionadas co halloween—.
Ás 19:30h, o músico e narrador Brais das Hortas ofrecerá o seu espectáculo “Contos para caghar patatillas”, unha sesión de historias de medo e humor pensada para todos os públicos que lle dará paso ao seu remate -sobre as 20:30h– á Volta das Ánimas. Esta volta é un percorrido á luz das candeas polos rueiros de Correlo e a Veiga, durante o cal a cativada e as súas familias irán deixando as súas cabazas e atopando no camiño diferentes personaxes e sorpresas misteriosas, todas elas relacionadas co noso patrimonio inmaterial sobre a morte e o Alén.
Avisións, meigas (boas e malas), aparecidos, a Santa Compaña, o lobishom… etc., irán aparecendo aquí e acolá entre fachos, luces escintilantes e néboas para goce -e tamén medo- de grandes e xente miúda.
Xa de volta no local social da Veiga serviranse de balde castañas, sopa de cabaza e papas de melón. A noite rematará cunha foliada aberta -a partir das 22:30h- que fará unha pequena pausa na medianoite para prender e degustar unha queimada e representar o rito funerario do Abellón, sobre o que se pode ampliar información na web do Consello da Cultura Galega e no ensaio “Abellón. O libro negro das zoadeiras” escrito polo antropólogo Xoán Xil e o artista Mauro Sanín.



