Narón acolle esta fin de semana a 3ª tirada da Liga Galega de Aire Libre de tiro con arco no campo Iria Grandal

Redacción
Lectura mínima de 2

O Campo municipal de tiro con arco Iria Grandal será esta fin de semana o escenario da 3ª tirada da Liga Galega de Aire Libre 2025/26, unha cita que reunirá deportistas de diferentes categorías e que consolida Narón como referente autonómico desta disciplina.

A presentación do evento contou coa participación do edil de Deportes, Ibán Santalla, a presidenta do Club Arco Narón, Magdalena Abella, e o vicepresidente da entidade, Anxo Grandal. A competición está organizada pola Federación Galega de Tiro con Arco (FGTA), coa colaboración do Club Arco Narón e o Padroado de Deportes municipal.

Santalla destacou o compromiso do Concello de Narón co impulso do deporte federado e coa consolidación de eventos que “sitúan o municipio no mapa galego das competicións de nivel”, ademais de poñer en valor o traballo conxunto entre administración e clubs locais.

Pola súa banda, Magdalena Abella subliñou a importancia de que Narón sexa sede desta proba, que reúne deportistas de toda Galicia, e incidiu no papel do Club Arco Narón como motor organizativo e deportivo.

A xornada do sábado 25 de abril dará comezo ás 14:00 horas coa participación de arqueiros de categorías inferiores e de base, incluíndo as modalidades de arco recurvo e composto, así como arco desnudo, tradicional e long bow.

O domingo 26 de abril celebrarase a segunda xornada da proba desde as 9:00 horas, centrada nas categorías sénior, xuvenil e veterán, tanto en arco recurvo como en composto.

A competición estrutúrase en dúas rondas de 12 entradas, con series de 6 frechas, e é valedoira para o ranking autonómico da FGTA, ademais de estar homologada pola RFETA.

Comparte este artigo