O Concello de Neda vén de adxudicar as obras de renovación do abastecemento de auga entre o a zona do centro de saúde e a Mourela. O proxecto, financiado con cargo aos fondos do POS + 2024, complétase coa mellora da seguridade viaria na zona de Albarón.
Ata dez empresas presentaron ofertas para facerse cos traballos que, finalmente, foron adxudicados por un importe de 94.985 (IVE incluído) á empresa Construcciones González y González SL.
Actuarase sobre a rede de abastecemento, deteriorada polo paso dos anos, instalando unha nova tubaxe de polietileno e renovando as acometidas domiciliarias que non cumpran cos estándares, facéndoas rexistrables en arqueta ao pé do límite do espazo público. A rede actual manterase en servizo ata o remate destas obras, garantindo así o subministro de auga potable.
A intervención incluirá tamén a construción ao longo da estrada de distintos tramos de beirarrúa, contribuíndo deste xeito a mellorar a seguridade para os viandantes, e a reposición do firme e sinalización da rúa.