HomeA CoruñaNeda explora nas súas XXI Xornadas literarias o fenómeno do “Galician noir”

Neda explora nas súas XXI Xornadas literarias o fenómeno do “Galician noir”

- Anuncio -spot_img

Escritoras e escritores de referencia da novela negra galega daranse cita na vila días 16 e 17 de abril

Neda converterase un ano máis neste mes de abril en epicentro cultural de Ferrolterra. Será, como non, grazas ás Xornadas literarias, coas que a biblioteca municipal conmemora o Día internacional do libro. A vixésimo primeira edición da iniciativa, que se celebrará a vindeira semana (días 16 e 17 de abril, a partir das 18 horas), leva o suxestivo título de “Galician noir”, e contará con algúns dos escritores e escritoras máis destacados da “novela negra con acento galego”.
A concelleira de Cultura, Marián Bello, presentaba este mércores no espazo cultural a programación desta cita, consolidada, por méritos propios, como todo un referente. Nesta ocasión, as xornadas poñen o foco neste fenómeno literario, que converte a Galicia, cos seus frondosos bosques, a súa costa indómita, a néboa, e a súa potente simboloxía, en escenario perfecto para as historias de crimes e misterio.
O “Galician noir”, un subxénero que atrapa aos lectores e que está máis de moda que nunca grazas tamén ás producións audiovisuais, será analizado a fondo, nas dúas conversas ao redor das que se artellan as xornadas, por parte dalgunhas das súas figuras máis representativas.
Así, nestes dous días pasarán pola Casa das palmeiras de Neda autores de referencia do xénero. Arantza Portabales, en plena campaña de presentación de Asasinato no muíño do cura; Marta Villar (Detective Ferruchi) e o prolífico miñense Rober Cagiao, quen chega con Cadea de favores baixo o brazo, protagonizan a conversa do xoves 16, moderada por María Nieto.
E o venres 17 será a quenda de Diego Ameixeiras (O Cervo e a sombra), Pedro Feijoo (Donde nacen las bestias), Óscar Reboiras (El caso Salgueiro), e da emerxente Isabel Ramos Breijo (El secreto de Andrea). Compartirán mesa redonda moderada polo tamén escritor Juan José Lada.
Finalmente, a concelleira sinalou que, como cada ano, as xornadas contarán coa participación dos integrantes do Club de lectura A pantasma de papel do IES Fernando Esquío. E convidou á veciños de Neda e do conxunto de Ferrolterra, Eume e Ortegal, lembrando que a iniciativa a entrada é libre.

Publicacións Relacionadas