Aberta a inscrición online para esta actividade municipal gratuíta
O Concello de Neda organiza, no marco das súa programación de actividades de saúde, un obradoiro práctico, centrado na preparación de “Ceas rápidas e saudables para o día a día”. A iniciativa, impartida pola nutricionista Almudena Seijido, terá lugar o luns 9 de marzo e dende hoxe abre a inscrición en liña. As prazas son limitadas.
O taller gratuíto, que se desenvolverá na Casa da Cultura de Neda, de 17:30 a 19 horas, busca ofrecer á veciñanza ferramentas útiles para mellorar os seus hábitos saudables, reducir o consumo de comida ultraprocesada, e axudar a que as persoas que dispoñen de pouco tempo poidan ter unha alimentación sa.
Apuntan dende o concello que, tras unha breve introdución, na que se abordarán as dificultades para organizar as ceas e do impacto do estrés diario na alimentación, entrarase en fariña. Seijido explicará as bases para unha cea equilibrada, detallará como cubrir as necesidades nutricionais sen cociñar de máis, e repasará os erros habituais que se cometen habitualmente.
Deseguido, haberá unha parte práctica na que as persoas participantes aprenderán a montar ceas rápidas e apetecibles con alimentos habituais, o uso de sobras e conxelados, mesturas sinxelas e saudables, finalmente, ofreceranse pautas para unha organización semanal “exprés”, e estratexias para non comezar cada día de cero.
A actividade vai dirixida ao público adulto e para sumarse haberá que apuntarse a través do formulario en liña dispoñible na web municipal e nas redes sociais do Concello. As persoas que precisen axuda poden dirixirse á Casa da Cultura.



