HomeA CoruñaNeda organiza o 14 de decembro a XXXIX Carreira popular “Volta á...

Neda organiza o 14 de decembro a XXXIX Carreira popular “Volta á Ría – Memorial Adolfo Ros”

- Anuncio -spot_img

A partir de hoxe ábrese a inscrición na competición deportiva, que conta coa colaboración de Fene, Ferrol e Narón

Volve, un ano máis, a proba de atletismo de referencia na comarca de Ferrolterra. O Concello de Neda organiza, en colaboración cos veciños municipios de Fene, Ferrol e Narón, a 39 edición da Carreira popular “Volta á Ría-Memorial Adolfo Ros”. Dende hoxe e durante un mes estará aberto, a través da web www.carreirasgalegas.com, o prazo de inscrición na media maratón. O obxectivo, revalidar a excelente acollida das últimas entregas.
O alcalde de Neda, Ángel Alvariño, e os responsables de Deportes dos concellos co-organizadores -a nedense a Ángeles Puentes; a fenesa Alba García; o ferrolán Ricardo Aldrey, e o naronés Ibán Santalla- presentaban esta mañá ao pé da Torre do Reloxo o cartel oficial, realizado pola ilustradora Blanca Escrigas, e avanzaban as liñas mestras da competición, que se disputará na mañá do domingo 14 de decembro.
Alvariño subliñaba na cita o prestixio desta carreira, que rende tributo á figura de Adolfo Ros, quen perdía a vida en 1985 nun acto heroico ao botarse ao mar na praia de Doniños para tentar rescatar a un grupo de nenos, e poñía en valor a importancia da colaboración intermunicipal.
A proba absoluta da Volta á Ría terá unha distancia de ao redor de 21 quilómetros, discorrendo sobre asfalto polas catro localidades organizadoras, e estará incluída no calendario da Federación Galega de Atletismo. Saída e meta situaranse no Camiño do Regueiro, nas inmediacións dos accesos a AP-9, en Neda.
Categorías e trofeos
A carreira, como en anos anteriores, estará aberta tanto a deportistas federados como non federados maiores de idade (nacidos no 2007 ou con anterioridade). Deberán dispor, obviamente, das condicións físicas requiridas para afrontar esta esixente proba que, de novo, contará con modalidades especiais para persoas con discapacidade visual e para participantes que cubran o percorrido en cadeiras de rodas ou en handbikes.
Segundo se apuntou, os e as atletas comezarán ás 10:00 horas o percorrido, que contará co apoio da Garda Civil de Tráfico, da Policía Municipal e das Agrupacións de Protección Civil das localidades implicadas para regular o tránsito e garantir a seguridade.
En paralelo, segundo se apuntou, co gallo de fomentar a participación da rapazada, volveranse programar carreiras con distancias inferiores (entre os 50 metros e os tres quilómetros) para os menores de idade nun circuíto habilitado na contorna do arco de meta.
Recibirán cadanseu trofeo o gañador e gañadora da proba absoluta, os tres primeiros clasificados masculinos e femininos da media maratón que sexan residentes en calquera dos catro concellos organizadores, e os tres primeiros clasificados de cada unha das categorías (agás os peques que levarán todos medalla).
Prazo de inscrición
A inscrición estará aberta dende hoxe ata o 10 de decembro, ás 23:59 horas, a través da páxina web www.carreirasgalegas.com. A cota de inscrición na carreira absoluta será de 7 euros, e nas dos menores totalmente gratuíta.
Os responsables municipais convidaron á cidadanía a sumarse co obxectivo de que a medio maratón, que irmanda aos catro concellos e concita a atletas de toda Galicia revalide o éxito de participación das últimas edicións.

Publicacións Relacionadas