O Concello de Neda programa este sábado, a partir das 20:00 horas, a obra teatral “Campanas de Bastabales” da compañía naronesa Imaxina-T. A peza, dirixida por Luis G. Ramos, chega á Casa da Cultura no marco da conmemoración do Día de Rosalía de Castro.
A obra sitúa ao público tras o pasamento da autora, no momento no que Alejandra, filla de Rosalía, cumprindo o desexo da finada, recolle as pertenzas e escritos da súa nai para queimalos, e atopa o seu diario persoal e “cartas que descobren segredos longamente gardados”.
As entradas para o espectáculo, concibido como un homenaxe á escritora clave no Rexurdimento da literatura galega, estarán este sábado á venda na billeteira da Casa da Cultura dende unha hora antes da función. As entradas teñen un prezo de 2 euros.



