Os veciños ou veciñas que queiran conseguir unha das 17 prazas para viaxar gratis ao espectáculo deberá anotarse dende o luns na biblioteca
Neda participará o sábado 10 de xaneiro no programa de mobilidade do Centro Dramático Galego (CDG), que permitirá que veciños e veciñas de distintos puntos de Galicia poidan viaxar gratis a Santiago para desfrutar da súa nova produción, xunto á compañía contraproducións, a obra “Memorias dun neno labrego”, inspirada na célebre novela de Xosé Neira Vilas. O prazo para anotarse a “Sobes ao bus do teatro?” comeza o vindeiro luns na biblioteca municipal.
En virtude do acordo entre o CDG e o Concello, os nedenses terán á súa disposición un total de 17 prazas de balde dentro desta iniciativa. A proposta facilitará a viaxe a coste cero ata a capital galega para asistir no Salón Teatro ao espectáculo, con texto e dirección de Cándido Pazó, que conmemora o décimo aniversario do pasamento do escritor que mellor retratou a vida do rural galego e da emigración.
As persoas que queiran asistir á función (10 de xaneiro, ás 18 horas) deberán achegarse á biblioteca municipal entre o 29 de decembro e o 8 de xaneiro para reservar praza no bus, e aboar os 5 euros de entrada para gozar dunha nova versión desta novela de referencia na historia da literatura galega.
Dende o Concello apuntan que o bus fará parada diante da Casa do Concello ás 15:45 horas, e que sairá de volta ás 20:15 horas. As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición.
Pazó leva á escena os episodios máis representativos da icónica novela do autor de Vila de Cruces, que marcou varias xeracións lectoras. No espectáculo, as lembranzas de Balbino, o rapaz da aldea, presentaranse como a memoria colectiva dunha Galicia rural que se foi diluíndo ou transformando, poñendo en primeiro termo a emoción, pero botando man tamén do humor e dunha relación directa e amena co público.



