Máis de medio cento de persoas participaron no cuarto intercambio xeracional “Lecturas compartidas cos nosos maiores
Un total de 25 nenos e nenas de 5º e 6º de primaria do CPI Ponte Carreira visitaron o centro sociocomunitario de Frades, onde compartiron varias lendas, tanto do propio municipio como en xeral de Galicia, coas persoas maiores usuarias do centro. Trátase da cuarta sesión do proxecto “Lecturas compartidas cos nosos maiores” posto en marcha polo CPI Ponte Carreira, a través do equipo de dinamización da lingua galega e da biblioteca do centro, en colaboración co Concello de Frades.
O alcalde en funcións, Manuel Ferreiro Marzoa, agradeceu a profesorado e rapazada que “sigades mantendo esta actividade tan interesante na que rapazada e maiores comparten experiencias, coñecementos e emocións. Dende o Concello de Frades estaremos sempre a vosa disposición para colaborar no mantemento deste tipo de iniciativas que permiten derribar os estereotipos de idade e fomentan o respecto mutuo”.
Lendas
A rapazada chegou camiñando dende o colexio ao centro sociocomunitario de Frades, onde os agardaba unha vintena de persoas maiores. Aló, o alumnado de 5º de primaria procedeu a dar lectura a varias lendas locais como “O bosque máxico de Frades”, “Os frades de Frades”, “O camiño cambiante”, “A ponte enfeitizada”, “As campás que soaban soas” e “A casa enfeitizada”. Acto seguido, os seus compañeiros e compañeiras de 6º explicaron algunhas das personaxes lendarias do folclore galego: a lamia, o can de Urco, as meigas…
Unha vez rematadas as lecturas, a rapazada repartiuse polas mesas do centro sociocomunitario xunto coas persoas maiores para elaboraren uns cestiños de Pascua, elaborados con materiais reciclados e decorados con pintura. Así, todos os maiores levaron cadanseu cesto, coa figura dunha pita, uns ovos de pascua de adorno e un par de chocolate.



