A concelleira de Benestar Social participou esta tarde na entrega de premios do programa Empréganos 2025, organizado por FEAFES Galicia nas instalacións do Centro Municipal de Emprego dos Rosales
A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, participou esta tarde na entrega dos premios Empréganos 2025, unha iniciativa organizada pola Federación de Asociaciones de Familiares y Personas con Enfermedad Mental (FEAFES) de Galicia, co obxectivo de concienciar sobre a importancia de fomentar a inserción laboral de persoas con problemas de saúde mental.
A concelleira, acompañada pola edil Diana Cabanas, destacou a necesidade de que “todas as Administracións públicas traballemos de forma conxunta coas entidades do terceiro sector para coidar das persoas que nos rodean, e de que se incida na prevención máis cun enfoque integral, atendendo a aspectos sociais como a vulnerabilidade ou a exclusión, a promoción do desenvolvemento persoal e profesional, o fomento dos hábitos saudables e tamén o acceso a un emprego digno e de calidade”.
Neste sentido, Canosa puxo en valor o traballo de FEAFES Galicia, entidade coa que o o Goberno de Inés Rey colabora desde fai cinco anos a través dun convenio de colaboración que abre oportunidades en materia de formación e empregabilidade ás persoas que recorren aos servizos da asociación, ás que orienta na súa busca de emprego ou recepción de ofertas laborais.
A este respecto, a concelleira subliñou a implicación do tecido empresarial coruñés e tamén a relevancia das e dos técnicos de inserción laboral, clave á hora de abrir camiño e asesorar as usuarias e usuarios de FEAFES. “Isto vai máis alá de superar unha entrevista e asinar un contrato. Trátase de crear un vínculo duradeiro entre a persoa candidata e a empresa e de integrala a través dun posto de traballo que permita desenvolver as súas calidades e talento deixando a un lado os prexuízos”.
Canosa lembrou que “o emprego ten unha relevancia moi importante na vida diaria das persoas e contribúe a mellorar a súa autoestima facendo que se sintan útiles e valoradas e tamén para garantir a súa independencia económica”.