HomeA CoruñaNoemí Díaz recolle as demandas da cidadanía sobre o bus urbano nun...

Noemí Díaz recolle as demandas da cidadanía sobre o bus urbano nun novo encontro no Fórum Metropolitano

- Anuncio -spot_img

Máis frecuencias, marquesiñas intelixentes e buses eléctricos, entre as principais demandas da veciñanza

O Fórum Metropolitano acolleu esta tarde unha nova sesión dos Encontros de Barrio sobre o transporte urbano, enmarcada no proceso participativo que promove o Concello da Coruña co obxectivo de mellorar o servizo de autobús da cidade. A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, que estivo acompañada polos tamén ediles Diana Cabanas e Manuel Vázquez, interveu ao comezo da sesión para agradecer a asistencia e destacar a relevancia destes espazos de diálogo para definir un servizo público que estea “á altura das necesidades reais da cidadanía”.

As principais propostas recollidas durante a dinámica incluíron a ampliación de rutas, o incremento das frecuencias, a instalación de marquesiñas intelixentes, a incorporación de autobuses eléctricos e a redución do tempo de traxecto mediante a diminución de paradas innecesarias, así como a mellora da accesibilidade aos centros hospitalarios.

Durante o encontro, o equipo técnico responsable do estudo de mobilidade presentou os principais datos de desprazamento do distrito 3, que abrangue zonas como a Falperra ou Catro Camiños. A sesión incluíu unha dinámica participativa na que as persoas asistentes identificaron necesidades e posibles melloras en aspectos como a frecuencia das liñas, as conexións intermodais, a accesibilidade e a cobertura do servizo.

O distrito 3 conta cunha poboación estimada de 25.864 habitantes, servidos por 18 liñas de autobús urbano (1, 1A, 2, 2A, 4, 5, 12, 12A, 14, 17, 20, 21, 22, 23, 23A, 24, UdC e BUH) e un total de 107 paradas. A rexedora sinalou que “escoitar de primeira man o que opina a veciñanza permite afinar mellor as decisións que se tomarán no futuro contrato do autobús urbano”.

Cómpre sinalar que, aínda que a sesión tivo lugar no Fórum Metropolitano, situado no distrito 7, os datos de mobilidade presentados corresponden ao distrito 3, dado que o servizo se presta desde alí. O distrito 7 abrangue as zonas de San Diego, Os Castros, Castrillón, Monelos, Barrio das Flores, Elviña, Matogrande, Martinete e Someso, e conta cunha poboación de 60.748 habitantes.
Segundo os resultados recollidos na enquisa realizada durante a sesión, o 20% das persoas asistentes residen no distrito 3 e o 53% no distrito 7, e un 24% utiliza habitualmente autobús entre semana.

En canto á valoración dos diferentes aspectos do servizo, os prezos foron o ítem mellor puntuado, cunha media de 7 sobre 10, seguido da accesibilidade (5), a calidade das paradas (4,9) e a información dispoñible (5). Pola contra, a frecuencia das liñas (4,1) e a intermodalidade (3,6) foron os elementos que recibiron unha valoración máis baixa, o que indica marxe de mellora nestes ámbitos.
Próximos encontros

O vindeiro encontro terá lugar o 10 de xuño no Centro Cívico de Eirís, ás 1830 horas. O calendario completo dos próximos encontros é o seguinte:
10 de xuño: Centro Cívico de Eirís
12 de xuño: Centro Cívico de Elviña
14 de xuño: Circo de Artesáns

As persoas interesadas en participar nalgún ou nalgúns dos Encontros de Barrio programados ata mediados de xuño xa poden formalizar a súa inscrición a través desta ligazón. Ademais, toda a información sobre o proceso participativo estará dispoñible nesta web específica.

Publicacións Relacionadas