Continúan a verterse directamente ao mar as augas residuais na costa de Suevos
Un ano despois de que Alternativa dos Veciños denunciase o grave atentado contra o medio ambiente polo vertido das augas residuais do Concello de Arteixo, directamente ao mar sen depurar, polos cantís entre Sabón e Suevos; no día de onte volveu a repetirse a situación. O bombeo, desde o que supostamente terían que impulsarse as augas fecais ata a EDAR de Bens, segue sen funcionar e as augas residuais corren por toda a zona ata chegar ao mar, tal e como sucedía no día de onte.
Alternativa lamenta que o Concello de Arteixo non actúe coa premura que require a situación. Non se pode tolerar que nun Concello cun orzamento de 70 millóns exista unha degradación medioambiental tan aberrante.



