- O evento pon en valor a tradición histórica e cultural do municipio.
- O alcalde, Juan Alonso, destacou “a importancia de seguir revitalizando este tipo de eventos que reúnen a toda a veciñanza favorecendo o sentimento de pertenza á comunidade e fortalecendo lazos entre eles”.
A Malla no Seixidal volve a consolidarse como un dos eventos tradicionais máis destacados no Concello das Somozas. Nesta ocasión, a quinta edición desta festividade reuniu, o pasado mes de setembro, unha gran cantidade de asistentes para recrear a malla.
Esta clase de eventos son moi importantes para un municipio de carácter rural como As Somozas, no que as festas tradicionais cobran unha gran importancia e serven como xuntanza da veciñanza.
Esta foi a súa V edición despois de que o Concello convertera o lugar do Sexidal nun museo etnográfico para render homenaxe á cultura local e para amosar como era a vida e o traballo no campo.
“É importante seguir celebrando este tipo de eventos que poñen en valor a tradición e cultura do municipio”, indicou o alcalde, Juan Alonso Tembrás.
O rexedor tamén quixo destacar “a aposta do noso goberno para revitalizar esta clase de festas, que reúnen a todos os veciños e veciñas todos os anos, favorecendo o sentimento de pertenza á comunidade e fortalecendo os lazos entre eles”.