- Repsol, patrocinador da proba desde este ano, cede os cargadores, que estarán instalados na praza de María Pita.
A novena edición do Repsol Eco Rallye A Coruña, que se celebrará do 18 ao 21 de setembro, contará con 50 puntos de recarga para os vehículos eléctricos e híbridos enchufables participantes.
Os cargadores, cedidos por Repsol, estarán situados na emblemática praza de María Pita, punto neurálxico da competición e espazo de encontro entre pilotos, equipos e cidadanía. Con esta infraestrutura, a organización garante que todos os equipos dispoñan da enerxía necesaria para afrontar as diferentes etapas do rallye, contribuíndo á loxística da proba e reforzando o seu carácter sostible.
O Repsol Eco Rallye A Coruña forma parte do Campionato de España de Enerxías Alternativas da Real Federación Española de Automobilismo e é puntuable para a Bridgestone FIA Eco Rally Cup. Ten como obxectivo fomentar o uso de vehículos respectuosos co medioambiente, achegando ao público as novas tecnoloxías aplicadas á mobilidade.
“Contar coa colaboración de Repsol e cun espazo tan simbólico como María Pita permítenos visibilizar o compromiso da cidade e do propio rallye coa sustentabilidade”, sinalan desde a organización.
A cita reunirá a numerosos equipos e pilotos de primeiro nivel que competirán non só na estrada, senón tamén en eficiencia enerxética, sendo un escaparate único da mobilidade eléctrica en Galicia.

