O alcalde de Brión, Pablo Lago, fixo entrega dos premios do tradicional Concurso de Tarxetas de Nadal, un certame que este ano acadou a súa edición número 34 e no que tomaron parte todo o alumnado de Infantil e Primaria dos centros educativos do municipio: o CEIP de Pedrouzos e as escolas infantís de Os Ánxeles e Sabaxáns (Bastavales). As crianzas galardoadas recibiron vales de 30, 25 e 20 euros intercambiables por libros, xogos ou material escolar.
Os premios da escola infantil de Sabaxáns foron para Adrián Faier Folgar, David Pérez Castro e Edu Souto; mentres que os da EEI dos Ánxeles recaeron en Bruno Seage Picallo, Maia Bóveda e Martín García Casal. No caso do CEIP de Pedrouzos, os premios de infantil foron para Nicolás Álvarez, Ian Mancebo Fontenla e Alma Lemos Allón; mentres que os de Primaria foron para Adrián Forján, Carme Mosquera Nieto e Adriana Lago (Primeiro Ciclo), Emma Lorenzo Vázquez, Noa Barge Santamaría e Lino Rodríguez Vilariño (Segundo Ciclo) e Hugo Berdullas Suárez, Brais Figueiras Collazo e Carla García Salgado (Terceiro Ciclo).
O refuxio de Bando
O alcalde aproveitou tamén para facer entrega ás bibliotecas escolares duns lotes do libro-guía de Os Bolechas “O refuxio de Bando”. Trátase dunha obra publicada pola editorial Bolanda, en colaboración co Refuxio de Bando, e patrocinada polos concellos de Brión, Santiago, Teo, Vedra, Touro, Boqueixón, Trazo, Dodro, Padrón e Val do Dubra.
A través das divertidas aventuras dos Bolechas, este libro promove o benestar animal, rexeita o abandono e informa sobre as formas de adopción responsable, os coidados dos animais, as tarefas de socialización e a información de coidado de cans e gatos da protectora. Ademais, tamén difunde outras opcións para colaborar co refuxio de Bando como a acollida, o apadriñamento ou os labores de voluntariado na entidade.