Os traballos, financiados nun 61,33% polo ente autonómico, contaron cun orzamento total de 65.223,91 euros .
O alcalde de Cabana, José Muíño, recibiu esta mañá a visita do vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, a quen acompañou tamén o Delegado Provincial na Coruña, Gonzalo Trenor, para coñecer as melloras levadas a cabo no pavillón municipal.
Os traballos, financiados nun 61,33% polo ente autonómico, contaron cun orzamento total de 65.223,91 euros, enmarcados na convocatoria de subvencións para a creación e mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vencellados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2020.
As intervencións que tiveron lugar no edificio que alberga o pavillón, a piscina e o ximnasio, ademais do auditorio, centráronse no cambio das portas de acceso exteriores, a reposición dos canalóns, o arranxo das cubertas e o cambio da tarima dunha das salas por outra máis resistente, en PVC.
Pola súa banda, o alcalde de Cabana, José Muíño, quixo “agradecer a presenza tanto do vicepresidente como do delegado provincial” para dar a coñecer unha intervención “importante para o noso municipio, porque estamos a falar dunha instalación da que fan uso sobre 800 persoas, tanto nenas e nenos co maiores”, e incluso xente “doutros concellos”, convertendo a mesma nunha infraestrutura “supramunicipal ou comarcal”. “Esta intervención é para todas e todos e agradecer que contaran coa nosa demanda, e agardo que proximamente poidamos frear a incidencia da covid-19 para que a veciñanza poida facer uso das mesmas”, finalizou.
Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, quixo tamén “agradecer a acollida do alcalde para visitar esta intervención, unha obra que é moi significativa xa que hoxe anunciamos unha nova convocatoria para o ano 2021 e destinada a concellos que desexen realizar actuacións como a que hoxe estamos a contemplar”, sinalou. “Son os propios gobernos municipais os que mellor coñecen as necesidades da veciñanza e os que elixen sempre actuacións como estas, onde con pequenos investimentos se pode chegar a moitas persoas”, remarcou.
Para finalizar, o delegado provincial, Gonzalo Trenor, quixo sinalar “a relevancia de non frear investimentos en infraestruturas a pesar do contexto que estamos a vivir, porque as xestións realizadas nun tempo tan particular repercutirán positivamente nunha futura normalidade que, agardamos todas e todos, esteamos máis preto de acadar”, argumentou.