· O rexedor indicou que a ETAP ten 60 anos, polo que a “instalación está obsoleta e resulta insuficiente para cubrir a demanda actual”.
· O primeiro edil solicitou tamén a cooperación do organismo para solucionar a situación do vertedoiro de Moldes, compartido co concello de Ribeira.
· José Carlos Vidal incide en que se trata de actuacións “esenciais e que deberían executarse xunto ao organismo autonómico, xa que o Concello carece dos medios técnicos e materiais para realizalas”.
O alcalde da Pobra, José Carlos Vidal, solicitou, esta semana, a colaboración da Xunta de Galicia para facer fronte a dous proxectos: a mellora da rede municipal de abastecemento de auga e o arranxo do vertedoiro de Moldes, compartido con Ribeira. Trátase de dúas iniciativas que o primeiro edil cualificou como “esenciais e que deberían executarse en colaboración co organismo autonómico, xa que o Concello carece dos medios técnicos e materiais necesarios para realizalas”. Así o trasladou o primeiro edil nunha reunión que mantivo coa directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, e co representante de Augas de Galicia, Gonzalo Mosquera, á que tamén asistiron a técnica de Medio Ambiente e o arquitecto municipal. Tal e como advertiu, unicamente o investimento para pór ao día as infraestruturas de abastecemento suporían un desembolso de 6 millóns de euros, “unha contía inasumible para A Pobra”.
Por unha banda, no caso da subministración da auga, o primeiro edil lembrou que a ETAP da Pobra ten 60 anos de antigüidade. Algo que fai que “a instalación estea obsoleta e sexa insuficiente para cubrir a demanda actual malia ao mantemento constante que realiza o Concello e á tecnoloxía achegada pola empresa concesionaria”. Ademais, as últimas analíticas arroxaron diversos parámetros que non compren coas normativas, e que se traducen en incumprimentos puntuais na calidade da auga. A solución pasaría, tal e como indicou o rexedor, pola construción doutras dúas estacións de tratamento.
Vertedoiro de Moldes
Pola outra banda, o vertedoiro de Moldes requiriría, tal e como indicou o primeiro edil, dunha reparación “urxente” tras o desprendemento que sufriu. Neste caso, pediuse a cooperación do organismo autonómico para arranxar da cobertura de protección das láminas de selado do vertedoiro.
Para dar solución a ambas cuestións, Vidal Suárez solicitou asesoramento e financiamento para o desenvolvemento das actuacións, “que consideramos prioritarias”, subliñou Vidal.
Desde a Xunta de Galicia comunicouse que non se asumirá a financiación directa das intervencións, pero acadouse o compromiso de que colaborará con asesoramento e supervisión dos traballos necesarios.
O primeiro edil incide en que a falta de financiamento limita a capacidade do Concello para executar as medidas requiridas (a do abastecemento e a do vertedoiro), “que precisan dun investimento inabarcable para un concello como o da Pobra”. José Carlos Vidal indicou que continuará buscando alternativas e “fórmulas para garantir que estes proxectos se executen en beneficio de toda a cidadanía”.
Rexeneración do bordo litoral dos Areos
O alcalde da Pobra, acompañado do arquitecto municipal, mantivo tamén unha reunión co director xeral de Patrimonio, os seus xefes territoriais e o xefe da demarcación de Costas en Galicia con motivo do proxecto de rexeneración do bordo litoral dos Areos. Na actualidade, o proxecto está paralizado por un informe negativo da Dirección Xeral de Patrimonio posto que, entre outras actuacións, propoñíase a demolición das naves en ruína existentes. Ditas naves está catalogadas polo PXOM e, en consecuencia, non se pode proceder ao seu derrubamento.
Desde a Dirección Xeral de Patrimonio abriron a posibilidade de modificar puntualmente o PXOM mudando a catalogación desta edificación, un trámite que tería que vir acompañado dun estudo arqueolóxico.



