José Manuel López Varela agradeceulles a iniciativa e manifestou o compromiso do Concello coa creación do entorno favorable para fomentar a actividade empresarial.
O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a concelleira de Promoción Económica, Rocío López, mantiveron hoxe unha reunión con parte membros da nova xunta directiva da Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (AXOBER): o seu presidente, Diego Iglesias; a vogal Lucía Graña e a administrativa Kely Villar. O obxectivo foi presentar o novo proxecto da entidade e achegarse ao Concello para analizar os principais retos e oportunidades aos que se enfronta o ecosistema empresarial na comarca.
No encontro tratáronse de maneira ampla cuestións relativas aos desafíos que impactan ás novas xeracións de emprendedores, a promoción do talento da xente moza e a mellora das condicións laborais dos traballadores.
O rexedor municipal agradeceu a Axober a iniciativa e destacou a importancia de crear un entorno favorable para potenciar o emprendemento, manifestando o compromiso do Concello nesa materia. Pola súa parte, os membros da directiva de Axober expuxeron as súas inquedanzas e as propostas de accións e actividades que pretenden levar a cabo, incidindo na necesaria colaboración público-privada para fortalecer a competitividade e a sustentabilidade das novas empresas.
Ambas partes coincidiron en subliñar a importancia de continuar colaborando para lograr superar as barreiras ás que se enfrontan os emprendedores e xerar novas oportunidades que favorezan aspectos chave para a creación de emprego de calidade.
Axober conta na actualidade con máis de 110 asociados, aos que ofrece asesoramento xurídico e empresarial, ademais de facer de vínculo entre as persoas emprendedoras e as administracións e outras entidades. Na súa web (www.axober.org) pódese ampliar información sobre a actividade que levan a cabo e cubrir en liña a solicitude de inscrición. Para as empresas de nova creación a cota é gratuíta no primeiro ano.