O encontro realizouse aproveitando a presenza do rexedor en Cádiz debido á excursión pola provincia na que participan medio centenar de laracheses.
O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López, aproveitaron a súa presenza en Cádiz con motivo da excursión organizada polo Concello manter un encontro institucional en Jimena de la Frontera en homenaxe á figura de José Regueira Ramos.
Nado na Coruña e con raíces no lugar de Xeriz da parroquia larachesa de Cabovilaño, rexentou desde os anos 60 unha farmacia nese municipio gaditano, onde foi unha figura moi querida e recoñecida pola súa traxectoria profesional e humana. Ese Concello andaluz nomeouno Cronista Oficial en 1998, Fillo Adoptivo en 2009 e desde o 2022, pouco despois do seu falecemento, dá nome á biblioteca municipal.
O alcalde e a edil laracheses foron recibidos polo rexedor de Jimena de la Frontera, Francisco Gómez, e polo tenente alcalde, Ángel Gómez, a quen fixeron entrega dun detalle institucional do Concello da Laracha. Os representantes municipais estiveron acompañados por Héctor e Víctor, fillos de José Regueira, cos que tamén visitaron a citada biblioteca.
Esta semana o blog Crónicas da Laracha, de Xabier Maceiras, recolle un amplo artigo que repasa a biografía de José Regueira. Está dispoñible nesta ligazón: https://cronicas-da-laracha.blogspot.com/2025/09/de-xeris-cabovilano-jimena-de-la.html