Home A Coruña O alcalde Sánchez Bugallo: “ningún núcleo de Santiago vai quedar sen sistema...

O alcalde Sánchez Bugallo: “ningún núcleo de Santiago vai quedar sen sistema de transporte público

- Anuncio -

O rexedor explicou que a concesión de transporte abordará agora todo o termo municipal e Os Tilos cun único operador.

O Plan de Mobilidade Urbana pon como prioridade a conexión peonil do centro da cidade, seguido do transporte público, dos medios brandos e, por último, o vehículo privado.

Falou da necesidade de incluír elementos mecánicos de conectividade para facilitar os desprazamentos, especialmente ás persoas maiores.

O alcalde Xosé Sánchez Bugallo presentou este luns as súas propostas en mobilidade, destacando que “ningún núcleo de Santiago vai quedar sen sistema de transporte público”. Coa nova concesión, todas as liñas da cidade e a dos Os Tilos pasarán a ser xestionadas pola mesma operadora, contarán con autobuses accesibles e cun incremento notable das frecuencias.

A principal novidade é que o ámbito de operación vai ser a nivel municipal, non urbano como marcaba a normativa. Isto supoñía que o transporte público de Santiago non podía chegar a certas zonas, como a estrada de Carballo, e tiñan que ser xestionadas por outras empresas.

Agora, o alcalde explicou que, ao estar todo xestionado pola mesma compañía, haberá unha única flota de autobuses e persoal, incluíndo tamén as parroquias rurais. “Onde non poidamos chegar co transporte regular, porque non hai masa crítica de poboación, haberá transporte a demanda en coordinación coa asociación de veciños”, sinalou Bugallo. A intención é que este servizo funcione na zona rural con dous microbuses, e tamén se habilitará outro sistema de transporte a demanda dentro do casco histórico.

Como todas as liñas de Compostela serán de titularidade municipal, permitirán facer cambios dunha a outra a custo cero. O alcalde puxo o seguinte exemplo: “Se un cidadán colle un bus en Figueiras que o leva ao centro de Santiago e quere subir a outro para ir á Sionlla, pode cambiar dun para outro sen pagar nada”.

O concurso de transporte público contempla 58 autobuses novos e accesibles ao 100%, dos cales 45 serán de baixas emisións e 13 de emisións cero, é dicir, eléctricos. O 12 de xuño remata o prazo para presentar ofertas que despois serán estudadas e o alcalde conta con que o contrato estea adxudicado en outubro ou novembro.

Ademais, haberá un incremento notable das frecuencias, practicamente o dobre que agora. Bugallo explicou que nestes momentos o transporte público da cidade move unhas 30.000 persoas diarias, cando hai un ano movía entre 22.000 e 25.000. Os números mostran que o servizo funciona, grazas tamén ás bonificacións do transporte, como sinalou o alcalde.

Mellora da conectividade da área metropolitana

“A maiores, queremos que se reforce o transporte da zona metropolitana”, insistiu o alcalde. Estas liñas son competencia autonómica e Bugallo propón a creación dunha entidade metropolitana de transportes, que sería chave tendo en conta que cada día entran 30.000 persoas a traballar a Santiago.

O alcalde confía en chegar a un acordo entre a Xunta e os concellos da área metropolitana. Incidiu na importancia de Ames, Teo, Brión e Oroso, onde hai un claro nivel de demanda. Falou do caso concreto de Milladoiro, onde o 80% das demandas dos veciños en materia de transporte son sobre a conexión con Compostela.

Bugallo indicou que o transporte metropolitano move agora 1,8 millóns de viaxeiros ao ano, case os mesmos que Vigo e un 30% máis que A Coruña. “O seu peso vai ser moito menor do que vai mover despois”, dixo o alcalde ao referirse a un posible acordo para as liñas cos concellos limítrofes.

Para el, outra das claves son os aparcadoiros de borde en orixe. O obxectivo sería que as persoas que se queren desprazar a Compostela deixasen o coche en sitios como Milladoiro ou Bertamiráns e coller o autobús alí.

A bicicleta como medio de transporte

Dentro do Plan de Mobilidade Urbana, o alcalde sinalou que a prioridade está na conexión peonil, seguida do transporte público, os medios brandos e, por último, o vehículo privado. A primeira das preferencias pasa polo proxecto de coser a cidade, facilitando a mobilidade a pé entre os barrios e o centro.

No referido aos medios brandos, Bugallo insistiu na necesidade de entender a bicicleta como un medio de transporte e non só como un medio de facer exercicio. “A clave está na compatibilidade e, onde poidamos, acondicionar sendas ciclistas, como faremos en Clara Campoamor, o Hórreo e Romero Donallo”, sinalou o alcalde.

O importante é que estas sendas teñan continuidade entre as diferentes rúas e que haxa compatibilidade de uso. A bicicleta e o patinete eléctrico deben compartir espazo co resto de vehículos, polo que Bugallo insistiu en que debe haber seguridade baixando a velocidade a 20km/h onde sexa preciso.

Elementos mecánicos de conectividade

Outra cuestión importante dentro das propostas son os elementos mecánicos de mobilidade que favorezan os desprazamentos en certas zonas, sobre todo ás persoas maiores. O alcalde incidiu no caso da zona da Pastoriza, para o que xa tiñan uns fondos no Goberno de hai 12 anos, pero que o PP acabou destinando a outra finalidade.

“Cremos que sigue sendo necesario”, reclamou Bugallo, que explicou que hai xente maior á que lle custa subir á praza. Este problema podería ser solucionado con ascensor ou escaleiras mecánicas. “Para facer unha cidade máis humana temos que pensar en facilitar a mobilidade das persoas, polo que a mobilidade mecánica é algo que temos que abordar”, incidiu o alcalde.

Tamén falou da conexión entre Belvís e a Virxe da Cerca, que pasa por ampliar e mellorar o aparcadoiro de Belvís. “Non é posible facer un aparcadoiro debaixo da Praza de Abastos”, sinalou o alcalde, pois as cartas arqueolóxicas realizadas a principios do 2000 xa mostraron que é imposible.

Así pois, Bugallo falou de que hai que revisar o sistema de acceso entre Virxe da Cerca e o aparcadoiro de Belvís mellorado. Neste caso, poderíase estudar tamén unha conexión mecánica, algo que para o alcalde é “prioritario sacar adiante”.

Relacionadas

Inés Rey, na celebración do ascenso do Dépor ABANCA: “Hoxe o orgullo da Coruña...

0
A alcaldesa recibiu ao equipo en María Pita, onde a afección celebrou o triunfo desde a praza A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recibiu esta...

Cores suma seis novas liñas de autobús e nove servizos de luns a venres,...

0
 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade incorporou a parada nesta parroquia, que tamén contará con tres servizos os sábados e cinco domingos e...

Charlín lamenta que a oposición trate de enganar á veciñanza e sinala que as...

0
• O alcalde laxense lamentou as acusacións vertidas desde o BNG de maneira “completamente inxustificada, sen probas e con datos falsos e desactualizados” • “Os...

As brigadas medioambientais municipais actúan no Castro de Montes Claros

0
Nos espazos que foron obxecto de escavacións intervirase baixo supervisión arqueolóxica. O Concello continúa levando a cabo actuacións que teñen por obxectivo conservar e poñer...

O Concello comeza este mércores os traballos de mellora dun camiño rural en Brañas...

0
· Por mor das obras, permanecerá cortada ao tráfico rodado a vía que une a Grela con Tasaraño. O Concello de Camariñas dará comezo este...

Concerto da arxentina Guada o sábado na Fábrica

0
O Festival Elas son Artistas chega este sábado a Oleiros cun concerto da artista arxentina Guada, no centro cultural A Fábrica, ás 20:30 horas....

Publicacións Relacionadas