Un concurso de cartas de amor e un sorteo fotográfico do banco do amor son as dúas actividades que lanza o Concello da Pobra do Caramiñal polo 14 de febreiro, Día dos Namorados.
Organizados conxuntamente polas Áreas da Cultura e da Mocidade, a edil Patricia Lojo apunta que se artellan actividades por primeira vez arredor desta data co afán de crear espazos para a cultura no ámbito das letras e motiva-la participación de xente nova na vida cultural local.
O certame epistolar nace como un mecanismo máis para fomenta-la creación e difusión literaria. Os traballos versarán sobre o amor e poderán dirixirse a destinatarios reais ou ficticios. Establécense dúas categorías: a xuvenil (de 14 a 20 anos) co premio dun Iphone; e a adulta (de 20 anos en diante) que ten como recompensa unha noite nunha casa rural e unha cea para dúas persoas.
As cartas presentaranse de maneira telemática a través do enderezo electrónico concursocartasdeamorpobra@gmail.com entre o 23 de xaneiro e o 7 de febreiro. Na mensaxe deberanse enviar dous documentos: un coa carta e outro cos datos da persoa participante. O xurado composto por persoas vencelladas á comunicación e á literatura encargarase de ditamina-las gañadoras.
Tamén o parque do Castelo contará cun photocall do amor no que sacar fotos para tomar parte do sorteo dunha cea para dúas persoas nun restaurante da localidade. Consistirá en sacar instantáneas neste espazo e compartilas no apartado de historias do Instagram mencionando a conta @gobernodapobra e cos hashtags #temoslio e #concellodapobradocaramiñal. Se o perfil non é público, deberase mandar captura de pantalla por mensaxe directa á conta do Concello. Esta acción oriéntase a maiores de 14 anos e aceptaranse unicamente as imaxes publicadas no 14 de febreiro.
As bases completas pódense consultar na páxina web municipal.

