O Concello colabora coa Universidade da Coruña na organización da feira, que terá lugar en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.30 horas
Ese día celebrarase unha xornada de portas abertas, con acceso gratuíto, para a que será necesario efectuar reserva de entradas. Poderá facerse a partir do mércores 29 de xaneiro na plataforma de ticketing do Concello
O Concello colabora coa Universidade da Coruña (UDC) na posta en marcha da Feira de Ciencia Isabel Zendal, que o vindeiro sábado 1 de febreiro despregará nas salas do Aquarium Finisterrae catorce talleres divulgativos sobre ciencia, atendidos por profesorado e alumnado da UDC, ofrecendo ao público unha grande oportunidade para descubrir e aprender ciencia participando nunha ampla diversidade de experimentos, xogos e actividades.
Para visitar este día o Aquarium Finisterrae —que celebra xornada de portas abertas con entrada gratuíta—, e participar nos talleres, é necesario efectuar previamente unha reserva de entradas, que poderá realizarse a partir das 9.00 horas do mércores 29 de xaneiro a través da plataforma de ticketing do Concello, habilitada aquí. Para facilitar o acceso ás persoas maiores de 65 anos, estas poderán acceder sen reserva, acompañadas doutra persoa se o precisan.
As persoas que desenvolverán as actividades estarán caracterizadas como as e os protagonistas da expedición da vacina, da que toma nome esta feira. Isabel Zendal e Francisco de Balmis serán interpretados por Ana González Tizón e Andrés Martínez Lage, mentres que as alumnas e alumnos serán os nenos vacuníferos.
A feira incluirá catorce talleres divulgativos sobre algúns dos grupos animais máis característicos que se poden ver no Aquarium Finisterrae, como peixes, polbos, quenllas e cangrexos, ademais doutros temas sobre saúde e bioloxía:
● Super tiburóns. Presentación do tiburón de Groenlandia, un peixe cartilaginoso cunhas características xenéticas e fisiolóxicas que lles fai parecer uns superheroes.
Nota de Prensa
● Doutor Octopus. Os polbos son mestres da camuflaxe, cambian de cor hábilmente ante determinadas situacións, adaptándose ao fondo mariño pasando desapercibidos para outras especies. Neste taller explicarase como, cando e por que se camuflan.
● Un curioso mejicano. O axolote (Ambystoma mexicanum) é un un animal sorprendente. Mediante xogos e crebacabezas proponse descubrir que é a neotenia, o curioso proceso que o fai tan especial.
● Peixes mutantes. Proponse ao público crear o seu propio peixe mutante. ● Don Cangrexo. Un taller sobre como viven os cangrexos, a súa anatomía, bioloxía e os seus cromosomas.
● Editando xenomas. Explicación da tecnoloxía CRISPR-Cas9, utilizada en xenética e bioloxía molecular e que permite cambiar o ADN dun organismo.
● Telómero e telomerasa. Explicarase como funcionan os telómeros, rexións dos cromosomas que garanten a estabilidade dos xenomas, e que son responsables do envellecemento.
● Garda o equilibrio! Describirase o centro de gravidade e a súa importancia para manter o equilibrio, explorando a estabilidade das embarcacións.
● Vacinas e vitaminas. Un taller para descubrir que son e como funcionan as vacinas, e o papel dos anticorpos e o sistema inmune.
● Viralízate. Para coñecer que son os virus, como funcionan, como infectan aos seus hospedadores. Son ou non seres vivos?
● Toma vitamina! O papel da vitamina C no funcionamento do organismo e determinación da cantidade presente nalgúns alimentos.
● Pequenos cambios, grandes impactos. Como se reparan as mutacións no ADN e cales son as súas consecuencias.
● Taller de enfermería. Reanimación cardiopulmonar básica, primeiros auxilios de feridas, conceptos básicos de nutrición, calzado saudable, antropometría e morfoloxía do pé, estudo das presións plantares.
A Feira está organizada por UDCiencia d+i, un grupo de divulgación científica e innovación docente da Universidade da Coruña, en colaboración co Aquarium Finisterrae. Leva o nome de Isabel Zendal como homenaxe á Real Expedición Filantrópica da Vacina, que partiu do porto da Coruña o 30 de novembro de 1803.