Entre o 30 de xuño e o 13 de xullo o bailarín e actor galego traballará na súa proposta Instinto desexo, que será presentada na vila no marco do FIOT
O artista Bal Castro vén de iniciar esta semana en Carballo a súa andaina na novena edición das Residencias Paraíso, un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. O Pazo da Cultura acolle, desde o luns 30 de xuño e até o domingo 13 de xullo, a cuarta destas residencias artísticas de 2025 en torno á proposta do actor e bailarín galego Bal Castro que ten por título Instinto desexo, un proxecto de corte autobiográfico no que fala da capitalización do seu corpo e do seu erotismo, da utilización da súa imaxe como principal medio para conseguir ser validado, sendo o sexo a súa moeda de cambio.
Unha vez finalizada a súa residencia artística, Bal Castro ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Pazo da Cultura de Carballo no mes de outubro, no marco da celebración do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT. Paralelamente, o creador participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón.
O Concello de Carballo leva colaborando co programa de residencias artísticas Residencias Paraíso desde o seu comezo, no ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.
O artista e o proxecto
Bal Castro é un actor e bailarín formado en interpretación xestual na ESAD de Galicia. Tamén formado en danza contemporánea en Oficina Zero da man da coreógrafa e artista Mafalda Deville, en Porto. Complementa a súa formación en danza contemporánea da man de Olga Cameselle. Actualmente forma parte do proceso creativo de danza contemporánea da man do colectivo ICODACO. Xunto a Inés Santos crea ENÉSIMA, unha compañía compañía centrada nas artes do movemento que nace como un espazo de libertade creativa no que poder expresar as súas inquedanzas artísticas.
Instinto desexo é o seu primeiro traballo en solitario, un proxecto de corte autobiográfico no que fala da capitalización do seu corpo e do seu erotismo, da utilización da súa imaxe como principal medio para conseguir ser validado, sendo o sexo a súa moeda de cambio. En Instinto desexo, Castro nos achega a unha proposta na que reflexiona sobre a proxección da súa imaxe nos outros, proxección que pode suscitar un desexo dependendo da persoa que a mire. Ese desexo convértese no motor que o move cara ao seu último obxectivo: a procura insaciable de amor.
Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM (un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia) en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está co producido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Corcubión, a MIT (Concello de Ribadavia) e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.
➢ MÁIS INFORMACIÓN https://www.colectivorpm.gal/
➢ DESCARGA DO KIT DE PRENSA
(NP’s, convocatoria, resolución, fotografías en alta, vídeos e outros materiais de difusión) https://cutt.ly/Residencias-Paraiso-2025
➢ IMAXES