Hoxe tivo lugar o remate do obradoiro de cociña inclusiva organizado pola Concellaría de Igualdade a través do Centro de Interpretación á Muller de Ribeira no marco do programa Corresponsables.
Ao acto de remate do obradoiro asistiron, o rexedor, Luís Pérez e a concelleira de Igualdade, Cruz Rivadulla.
Dende a Concellaría de Igualdade e concretamente dende o CIM estase a traballar nas necesidades de conciliación familiar que se deben cubrir de forma máis equitativa, favorecendo unha maior implicación dos homes nas tarefas do fogar. Partindo desta premisa, no verán do 2024 organizáronse uns obradoiros coa técnica de cociña “Batch Cooking” que permite unha mellor organización dos tempos de traballo na cociña sen renunciar a unha comida saudable e de mercado.
A concelleira de Igualdade explicou que debido ao éxito e á demanda suscitada no 2024, este ano repítese a actividade cun o formato que “fomenta o traballo da cociña en equipa para facer entre varios membros da familia, un día á semana, a elaboración das bases dos menús semanais, que calquera membro poida confeccionar en pouco tempo”. A idea é conservar as bases en tuppers dentro da neveira e utilizalas cando as necesitemos para elaborar diferentes pratos. Rivadulla indicou que “é o segundo ano que se fai e na presente edición foi todo un éxito, xa que tivo que quedar xente na lista de espera, temos 24 prazas e só poden entrar 24 parellas”, para rematar recordou que os obradoiros son para homes pero poden vir cun acompañante por iso pensamos que é tan importante para a conciliación familiar”.
O alcalde, Luís Pérez, salientou o importante que é traballar en igualdade; “para nós a política de conciliación é moi importante por iso queremos fortalecer a igualdade real entre mulleres e homes e incrementar a corresponsabilidade masculina á hora de facer as tarefas domésticas. No caso que nos ocupa estes obradoiros de cociña permiten elaborar distintas receitas ao longo de toda a semana ou facer tuppers”.
Pérez Barral apuntou que dende o Concello de Ribeira, “traballamos igualdade os 365 días do ano, para nós é unha cuestión importante que as familias teñan ese respaldo das administracións públicas á hora de resolver calquera tipo de actividade e especialmente dentro dos programas de conciliación laboral e familiar durante todo o ano”. O rexedor exemplificou que alén destes obradoiros realízanse campamentos para conciliar a vida familiar e laboral ou o desenvolvemento de actividades para mocidade e maiores.
Para rematar o rexedor confirmou máis obradoiros de cociña inclusiva e afirmou que se estudará a posibilidade de amplialos.