· A carreira foi presentada hoxe no edificio da Senra pola alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez; a concelleira de Deportes, Patricia Vázquez; o director de carreira, Pablo Franco, e Richi Figueroa, en representación da empresa organizadora, MarMar Outdoor, e Claudia Oreiro, como parte da Federación Galega de Orientación.
· O campionato conta con tres disciplinas de diferente dificultade para que poidan participar deportistas experimentados e aqueles que aínda se están iniciando.
· Entre os equipos apuntados destacan os galegos Keltoi Team e Endurance, así como o equipo asturiano Corremontes, que actualmente compiten en probas da Copa do Mundo.
A pista deportiva da Senra acolleu esta mañá a presentación oficial do Campionato Galego de Raid de Orientación ‘Bergondo Raid’, unha proba de gran esixencia e que combina as modalidades de BTT, carreira a pé e kaiak. Celebrarase no municipio o próximo 12 de abril e que reunirá a máis de 40 equipos procedentes de Galicia e Asturias. No acto estiveron presentes a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez; a concelleira de Deportes, Patricia Vázquez; o director de carreira, Pablo Franco, e Richi Figueroa, en representación da empresa organizadora, MarMar Outdoor, e Claudia Oreiro, como parte da Federación Galega de Orientación.
A proba, que percorrerá un total de 70 quilómetros, poñerá en valor as paraxes naturais do Concello de Bergondo, ofrecendo aos participantes a oportunidade de descubrilos mediante a combinación de orientación e resistencia en plena natureza. Os equipos deberán completar o percorrido coa única axuda de mapas e compases, enfrontándose a un desafío que esixirá tanto estratexia como resistencia física.
O campionato contará con tres categorías de diferente nivel de dificultade, permitindo a participación tanto de deportistas experimentados como daqueles que buscan iniciarse nesta disciplina. Neste sentido, a carreira inclúe a categoría de promoción ‘Orientaraid’, cun percorrido reducido de 35 quilómetros, especialmente deseñada para quen desexa penetrarse no mundo da orientación deportiva.
Entre os participantes, destacan equipos de renome no circuíto internacional, como os galegos Keltoi Team e Endurance, así como o equipo asturiano Corremontes, que actualmente compiten en probas da Copa do Mundo.
Desde a organización confirmaron que todos os preparativos e percorridos están listos, á espera do peche de inscricións, que permanecerán abertas ata o vindeiro domingo, 6 de abril.
A alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, destacou a importancia de acoller eventos desta magnitude no municipio: “O ‘Bergondo Raid’ é unha oportunidade única para dar a coñecer a riqueza natural do noso concello e fomentar o deporte ao aire libre. Esperamos que esta proba sexa un éxito e que tanto participantes como espectadores gocen da experiencia”.
Pola súa banda, o director de carreira, Pablo Franco, subliñou o nivel competitivo do evento: “Deseñamos un percorrido esixente pero accesible, que poñerá a proba as habilidades dos equipos. Contamos coa participación de grandes equipos e estamos seguros de que será unha carreira emocionante”. Engadiu que “ata o de agora temos case 40 equipos e de aquí ao peche de inscricións esperamos chegar aos 50 equipos rexistrados”.