HomeA CoruñaO BNG advirte que o novo goberno debe poñerse a traballar por...

O BNG advirte que o novo goberno debe poñerse a traballar por Ribeira e non mirar só o que se cobra

- Anuncio -spot_img

O Bloque Nacionalista Galego lamenta que o novo goberno local, formado por PP e PBBI, convocase de maneira “extraordinaria e urxente” un pleno para aprobar as asignacións económicas aos membros do executivo. O portavoz nacionalista, Luís Pérez Barral, criticou que “non existe ningún motivo obxectivo que xustifique unha convocatoria a toda présa dun día para outro”, e interpretou este feito como “un síntoma de mala planificación, improvisación ou mesmo de desavinzas internas entre os socios do novo goberno”.“Non entendemos esta urxencia. Que pasou para que teñan que convocar un pleno dun día para outro? Isto non é máis que unha mostra de desorde e falta de transparencia. A veciñanza merece saber cal é o acordo real entre PP e PBBI, porque é evidente que o hai, aínda que non se atrevan a facelo público”, afirmou Pérez Barral.

O BNG destacou que o novo executivo prevé un gasto total de 351.219 euros en dedicacións, persoal de confianza e asistencias a órganos de goberno, pero advirte que o importante é o rendemento dese investimento público: quen vai facer o traballo, con que dedicación, con que capacidade de xestión e de servizo á veciñanza”, subliñou o portavoz nacionalista.

Segundo os nacionalistas, con este novo reparto haberá menos persoas traballando a tempo completo para o Concello, o que afectará servizos esenciais como auga e saneamento, limpeza viaria, educación, xuventude, promoción económica ou benestar animal. “Todas estas áreas, especialmente limpeza ou auga e saneamento non terán a ninguén dedicado a elas polo que non é só cuestión de cartos, é cuestión de eficacia. Cunha persoa menos a tempo completo, haberá menos seguimento dos proxectos e menos capacidade para atender á cidadanía”, advertiu Pérez Barral.

O BNG lembrou que os feitos falan por si sós e, nese sentido,o goberno presidido por Pérez Barral deixou “un concello con 6,5 millóns de euros en fondos europeos, con proxectos en marcha e con contas saneadas”, fronte a “os máis de 13 millóns de débeda que o PP deixou na súa etapa anterior. Esa é a diferenza entre unha xestión responsable e unha política de aparencias. Nós deixamos proxectos, investimentos e futuro; eles deixan débeda e sobrecustos”, engadiu Pérez Barral, lembrando desviacións de máis de 6 millóns de euros en obras como o novo auditorio, a Casa da Xuventude, o mercado municipal, o pavillón de Palmeira ou a depuradora.

A formación nacionalista asegurou que actuará con responsabilidade e non impedirá o funcionamento do Concello, pero tampouco apoiará “decisións pouco fundamentadas nin un xeito de gobernar baseado nas urxencias partidistas de PP e PBBI e nos intereses particulares dos concelleiros que subscribiron a moción de censura”.

“O BNG estará sempre ao lado da veciñanza, defendendo a transparencia, a boa xestión e os proxectos que melloren Ribeira”, concluíu Pérez Barral.

Publicacións Relacionadas