O Bloque Nacionalista Galego organiza este venres, 22 de agosto, a partir das 20:00 h., na Rúa Alexandre Bóveda de Ribeira, un Roteiro da Memoria co gallo do Día da Galiza Mártir, un acto reivindicativo para honrar a memoria daqueles que deron a vida pola liberdade e os dereitos do pobo galego e para reflexionar sobre a vixencia do seu legado.
No acto participarán os militantes Rafael Pazos, Xana Ledo, David González, a concelleira Antía Alberte, o profesor Xan Ermida e o alcalde Luís Pérez.
“O exemplo de Alexandre Bóveda segue vivo, como unha semente que se transmite de xeración en xeración; a súa dignidade, o seu compromiso cunha Galiza xusta e soberana, é algo que debemos ter presente” sinala Rafael Pazos, responsable do BNG na localidade.
Este encontro pretende ser un espazo aberto á participación cidadá, onde a memoria colectiva sexa instrumento de compromiso e mobilización en favor dos dereitos, a soberanía e a dignidade da nosa terra. A lembranza de Alexandre Bóveda ou Castelao, símbolos de Galiza pero tamén a ribeirenses como Lustres Rivas e outras persoas represaliadas. “Isto non só é unha reivindicación histórica: é a chispa que nos impulsa a construír un futuro onde Galiza poida decidir sobre os seus recursos e destino e construír unha sociedade asentada en valores democráticos”.